Exposición "Da túa man para a miña"

Submitted by xestor on Xov, 14/03/2024 - 21:59
14
Mar
2024
Tipo evento
Exposición
Exposición "Da túa man para a miña"
Imaxe
Da túa man para a miña

Dende o 14 de marzo e ata o 30 de abril podedes achegarvos á Ala Sur do Museo para ver a exposición Da túa man para a miña, de Fran Rodríguez Casal, unha mostra que forma parte da programación paralela da 19 MICE, a Mostra Internacional de Cinema Etnográfico Museo do Pobo Galego. 

Da túa man para a miña interpela dous tempos, o pasado e o presente, a través de fotografías actuais e fotografía e vídeo arquivo -gravado por Mari Luz Pombo, Baldomero Pombo e Pepe Fraga- da aldea natal do artista, Traspielas (Fornelos de Montes). 

Trátase dunha reflexión sobre o concepto de comunidade, a situación socioeconómica e as políticas sobre o rural e a emigración ás cidades ou fóra que afectaron a estas poboacións e provocaron a descomposición actual da comunidade: a deterioración da relación entre as persoas, a perda de servizos –sanitarios, administrativos, de transporte e conexións, etc– e a desmobilización, fronte a un pasado con moitas dificultades pero no que parecía prevalecer o sentido de comunidade. Na confrontación de ambas as dúas realidades ábrese o debate. 

O proxecto de Fran Rodríguez Casal, que xa fora seleccionado na modalidade de intervención artística para o espazo Zona C do Concello de Santiago, vai ser levado proximamente ao cinema. 

A mostra pode verse de martes a sábados, de 16 a 20 horas.