Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade
O Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI) é o programa de dixitalización, catalogación, estudo e difusión do patrimonio inmaterial que o Instituto de Estudos das Identidades do Museo do Pobo Galego puxo a andar en abril de 2007. Trátase dun arquivo público e accesible que ofrece gravacións orais e musicais, así como os datos necesarios para poñelas no seu contexto cultural.
Malia o camiño andado por institucións públicas e privadas e por persoas particulares, pensamos que segue sendo necesaria unha recollida e presentación sistemática de testemuños do noso patrimonio oral, debidamente ordenados e clasificados cuns criterios técnicos que permitan o acceso a todas as persoas investigadoras, mestras, xestoras, creadoras e promotoras culturais e a todo tipo de público en xeral.
Un primeiro e grave problema é o estado de conservación dos materiais dispoñibles. Dadas as características técnicas das fitas magnéticas nas que a maior parte foron recollidos, a súa deterioración é grande, e moitas delas non resistirían máis dunha ou dúas audicións sen agravarse o seu estado de xeito irreversible. Por iso, cómpre dixitalizalos en canto sexa posible.
Un segundo problema é a necesidade de someter os materiais recollidos "en bruto" a un proceso de edición coa finalidade de trocalos en documentos aptos para a consulta e a divulgación.
O proxecto do APOI abrangue as seguintes etapas:
- Dixitalización dos materiais orixinais cedidos.
- Edición das gravacións.
- Transcrición dos materiais. Recompilación dos datos asociados ao material.
- Confección do arquivo sonoro. Creación da base de datos referencial e documental anexa aos rexistros de son.
Os primeiros fondos musicais do APOI foron doados por Baldomero Iglesias (Mero) e Xosé Luís Rivas (Mini), os cales, cando cederon o seu arquivo persoal ao Museo do Pobo Galego, fixeron sempre explícita a súa firme opción por facer públicas as súas gravacións para que "volvan ao pobo do que saíron, tal como a xente do pobo llas fixo chegar a eles". Esta entrega xenerosa non constitúe a súa contribución exclusiva, senón que manteñen a colaboración nos traballos de edición e información dos materiais.
O APOI ten subscrita unha licenza Creative Commons (CC) que permite empregar o material dispoñible no repositorio para fins sen ánimo de lucro, simplemente citando a procedencia. Outro tipo de usos dos seus contidos require a autorización expresa do Museo do Pobo Galego.
Se queres que as túas gravacións non se perdan e poidan ser difundidas e accesibles para todo o público, contacta connosco e contámosche como poden formar parte do APOI.
Cando unha peza ou conxunto de pezas entra no arquivo, faralas públicas e figurarás como autora ou autor do traballo de recollida. Desde o momento en que cedas ao APOI os teus materiais, pasarás a facer parte dos fondos do propio arquivo na condición de compilador/a, informante, transcritor/a, estudoso/a…
Deste xeito, quedarás nas listaxes públicas que o arquivo ofrece para cada condición que puidera ser obxecto de busca. Isto asegurará o recoñecemento público da túa autoría en relación co traballo que figura anexo ás túas fichas e fará posible que, preservando o teu recoñecemento, todo o público poida aproveitar lexitimamente os froitos do teu traballo.