Historia do Museo
O anhelo de crear un museo da cultura galega nas súas diferentes manifestacións ten un percorrido histórico. Este desexo materializouse co Seminario de Estudos Galegos. En 1930 esta institución conseguía unha sala no Colexio de Fonseca de Santiago de Compostela na que expoñer as súas coleccións arqueolóxicas, antropolóxicas e de arte contemporánea. Co golpe de estado, as forzas franquistas prohiben a súa actividade e desmontan este traballo. Parte do seu legado será recollido máis tarde polo Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento.
Coa morte do ditador e en plena transición democrática, nace en 1976 o Museo do Pobo Galego. Baixo a forma dunha asociación, marca como os seus obxectivos investigar, conservar, divulgar, defender e promover a cultura galega en todos os seus ámbitos; e concretamente crear e desenvolver un museo ao servizo destes intereses.
O espírito do Seminario de Estudos Galegos está presente en moitos aspectos, desde o propio legado material dunha parte das súas coleccións ou na propia participación no Museo de antigos membros da institución como Xaquín Lorenzo ou Antonio Fraguas, que foron o primeiro presidente do Padroado e o primeiro director do Museo.
Será en outubro de 1977 cando se inauguren as primeiras salas no antigo convento de San Domingos de Bonaval. O Concello de Santiago de Compostela cedeu o seu espectacular conxunto patrimonial, que desde a desamortización viña servindo de espazo para múltiples funcións, unha delas a de Museo Municipal desde había pouco máis dunha década.
A colección empezou a formarse con fondos destinados ás tres primeiras salas abertas ao público: Olaría, Tecido e Cestaría. Estes proviñan principalmente das achegas de patróns e patroas fundadoras; así, a sala de Olaría nutriuse da magnífica colección de cerámica de Luciano García Alén e María García Ayaso, formada por pezas procedentes das diferentes aldeas oleiras de Galicia. A sala de Tecido montouse a partir das achegas de Ramón Villares Paz, Cipriano Jiménez Casas e Melisa Fernández Puentes, xunto coa recuperación dalgunhas das pezas do antigo Seminario de Estudos Galegos. O resto dos fondos, especialmente para a sala de Cestaría, foron comprados a diferentes artesáns dispersos por toda a xeografía galega, nun traballo de recollida encomendado a diferentes persoas do Padroado do Museo.
Co paso dos anos, a Xunta de Galicia, entendendo que o Museo do Pobo Galego pode ser considerado como a cabeceira espiritual e simbólica da rede de museos antropolóxicos de Galicia, recoñécelle polo Decreto 111/1993, do 22 de maio, a competencia para actuar como centro sintetizador de todos os museos e coleccións públicas e privadas integradas no sistema galego de museos dedicados ao estudo, promoción e difusión do patrimonio histórico-antropolóxico de Galicia. En 2012, chegarían tamén outros recoñecementos da Xunta para o Museo, ao ser declarada a súa biblioteca como de especial interese para Galicia.
O Museo do Pobo Galego é o primeiro museo do país que, desde as perspectiva da antropoloxía cultural, tenta abranguer e relacionar as diversas manifestacións humanas no seo dunha comunidade diferenciada recollendo, conservando e estudando as mostras da cultura espiritual e material para, a través do seu coñecemento, contribuír á planificación do futuro colectivo.