Deriva senso-sonora polo Museo: "Aire do outro mundo"

Submitted by xestor on Xov, 08/02/2024 - 14:54
24
Feb
2024
Deriva senso-sonora polo Museo: "Aire do outro mundo"
Imaxe
Aire do outro mundo

O sábado, 24 de febreiro, repetimos deriva senso-sonora polo Museo do Pobo Galego. 

En silencio e coa escoita de todo o corpo aberta á experiencia, as persoas participantes transitarán o edificio na compaña de Elsa Pereira, persoal de sala do Museo e que cada día comparte ritual cos seres que habitan este lugar onde, cada día, ao apagar as luces, as ánimas de Castelao ou Rosalía ocupan os espazos que lles corresponden e debaten, cantan e murmuran o acontecido durante a xornada.

Trátase dunha experiencia sensitiva e sonora inspirada nas derivas situacionistas, que nos convidan a pensar por que, en  determinado lugar, dobramos á dereita ou á esquerda ou de xeito intuitivo nos detemos.  No transcurso da deriva, as persoas participantes atoparán sorpresas, murmurios, imaxes e sensacións que, máis que dar medo, conectan co íntimo e o poético dun edificio con tanta carga de vida e morte como é Santo Domingos de Bonaval. 

Elsa Pereira é, ademais de traballadora do Museo, bailarina e investigadora na disciplina "Body weather" e ten realizado traballos "site specific" corpo-paisaxe no espazo urbano, sempre co obxectivo de botar unha ollada consciente sobre o territorio que nos rodea. Durante a súa formación en danza e creación contemporánea, realizou un traballo inspirado nos camiños de luz que existen na obra de Álvaro Siza dentro da Facultade de arquitectura do Porto e promove Derivas en silencio na procura dos camiños do desexo que, debido ás continuas transformacións que sofre a cidade ao longo do ano, é preciso deliñar sobre o territorio para poder seguir habitando e transitando o lugar que escollemos para vivir.

Haberá dúas sesións: ás 10 e ás 19:00 horas, cunha duración aproximada de 60 minutos. O aforo é limitado e as entradas estarán á venda no Vivetix do Museo

Máis información: Aire do outro mundo