Exposición 'Francisco Fernández del Riego. Cos ollos do seu espírito'

Submitted by xestor on Mér, 15/11/2023 - 16:14
17
Nov
2023
Tipo evento
Exposición
Exposición 'Francisco Fernández del Riego. Cos ollos do seu espírito'
Imaxe
Convite exposición Letras Galegas MPG

O venres 17 de novembro, ás 12 horas, inauguramos no Museo a mostra 'Francisco Fernández del Riego. Cos ollos do seu espírito', impulsada pola Xunta de Galicia e producida por Editorial Galaxia coa colaboración da Fundación Penzol e a Real Academia Galega.

Unha exposición que ten como finalidade dar a coñecer a relevante figura do homenaxeado no Día das Letras Galegas 2023, repasando a súa traxectoria vital e profesional para comprender quen foi, que nos deixou e que implica a súa figura no proceso de consolidación do galego e da súa cultura nos tempos recentes, e, tanto máis, ao coincidir co 60 aniversario da instauración do Día das Letras Galegas (1963- 2023), do que foi un dos seus principais promotores.

Ademais, del Riego tamén foi cofundador de Editorial Galaxia, codirector e cofundador da revista GRIAL e director, desde a súa creación, da Fundación Penzol, dos que tamén se conmemora o seu 60 aniversario.

A exposición, comisariada por Malós Cabrera e Malores Villanueva, consta de 14 paneis informativos e mesas-vitrina con material gráfico e documental ao redor do persoeiro homenaxeado.

No acto inaugural participarán Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística; Malós Cabrera, cocomisaria da exposición e vicepresidenta 2.ª da Fundación Penzol; Xesús Domínguez, director de Produción de Galaxia e coordinador da exposición; María Eugenia Bermúdez Fernández, sobriña de Francisco Fernández del Riego; Francisco Fernández Rei, membro numerario da Real Academia Galega; e Concha Losada, presidenta do Museo do Pobo Galego.

A continuación realizarase un percorrido pola exposición, a cargo de Malós Cabrera, acompañado de Manuel Vilar Álvarez, director do Museo do Pobo Galego e Ana Bermúdez Fernández e Carlos Lombardero Bermúdez, sobriños do escritor e intelectual.