Homenaxe a Aurichu Pereira

Tipo nova
Exposicións
Homenaxe a Aurichu Pereira
Imaxe
Homenaxe Aurichu

O xoves, 11 de xaneiro, ás 19 horas, celébrase na Ala Sur do Museo do Pobo Galego unha homenaxe a Aurora Pereira Carballo (1940-2023), coñecida como Aurichu Pereira, pintora, música, deseñadora de moda e muller comprometida co nacionalismo galego. 

Será un acto en lembranza da artista, no que haberá poesía, música e numerosas intervencións de persoas que a trataron, amizades e familiares. A homenaxe, duns 80 minutos de duración, dará comezo coa intervención de Concha Losada, presidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego, e continuará coa proxección dun vídeo e coa presentación de Xosé Ramón Fandiño, escritor, membro do Padroado do Museo e amigo persoal de Aurichu. 

Seguidamente, intervirán a filóloga Chus Nogueira e a historiadora e crítica de arte Mercedes Rozas e proseguerá o acto cunha actuación musical de Miro Casabella. En representación do ámbito poético galego, tomarán parte Oriana Méndez Celso F. Sanmartín. 

A música continuará coa guitarra de Tomás Camacho, que dará paso á intervención do político, economista e intelectual Xosé Manuel Beiras, quen fora parella de Aurichu Pereira. Pechará o acto unha actuación do acordeonista Tomé Mouriño

A homenaxe, que será aberta para todas as persoas que queiran asistir, retransmitirase en directo a través da canle de Youtube do Museo do Pobo Galego

Ademais do acto de mañá, o Museo acollerá tamén unha exposición sobre a artista, que poderá visitarse ata o 11 de febreiro. Componse dunha mostra da obra pictórica de Aurichu, con cadros da súa primeira etapa, máis figurativos, e da última, de manchas de cores; e que inclúe tamén unha pequena escolma de deseños de roupa feitos por ela, así como algún documento histórico relacionado coa vida da artista. 

Filla de mestres, Aurichu Pereira dedicou a súa vida á arte. Recibiu as súas primeiras leccións como pintora de Carlos Maside e formouse despois na Escola de Belas Artes de San Fernando de Madrid. En 1973 participou na Coruña nunha exposición de Xóvenes Artistas Galegos promovida por Luís Seoane e Reimundo Patiño. As obrigas familiares levárona despois a abandonar temporalmente a pintura e centrarse no deseño de roupa, ata que nos anos 90 retomou de novo os pinceis, con varias exposicións individuais e colectivas. Faleceu aos 83 anos na súa cidade natal, Santiago de Compostela.