ANDAINA DE SANTIAGO A ORTOÑO 12 DE OUTUBRO DE 2023

PROGRAMA PREVISTO SEGUNDA PARTE

O 12 de outubro 2023, na data precisa na que se cumpre o centenario do encontro no Castro de Ortoño, ao pé da casa onde morara Rosalía de Castro, do que saíu a iniciativa de crear o Seminario de Estudos Galegos, organizarase unha andaina Santiago-Ortoño que rematará cun acto institucional no castro de Ortoño. Cadra en xoves e é día feriado.

O percorrido ten unha lonxitude de 12 km, con dificultade técnica baixa. O tempo estimado é de 3,5 horas, a ritmo de marcha cómoda, facendo algunha parada breve nos puntos de interese patrimonial e paisaxístico.

Despois dun acto institucional á chegada, haberá romaría para todas as persoas concorrentes. Para o regreso a Santiago habilitarase un servizo de transporte público.

ANDAINA DE SANTIAGO A ORTOÑO 12 DE OUTUBRO DE 2023

Informe de Víctor Fidalgo, técnico da Fundación USC

  • O traxecto comeza en Santiago de Compostela e remata no lugar de O Castro, na Tarroeira, parroquia de Ortoño, no concello de Ames. Esta ruta deseñouse para conmemorar o centenario da andaina que un grupo de ilustres estudantes da universidade de Santiago realizaron no seu día (12de outubro de 1923) ata a que foi a casa de Rosalía de Castro e se fundou o Seminario de Estudos Galegos.
  • Descrición do percorrido: A ruta comeza na Alameda de Santiago. Logo de cruzar a mesma, o Campus Vida e a carballeira de San Lourenzo baixa ata o río Sarela. Seguindo o seu curso chégase case ata a súa desembocadura no Sar, un pouco máis abaixo de Vidán. Dende este punto enseguida chegamos á igrexa de San Martiño de Laraño. Máis adiante a ruta cruza os lugares de Pardiñas e despois de pasar por riba da autovía, entra xa no concello de Ames e atravesa o lugar de Costoia, na parroquia de Viduído. Seguindo o itinerario proposto, pasamos polos lugares de Framil, Barreiro e Mourigade, pouco antes de chegar a O Santo, lugar onde se atopa a igrexa de San Xoán de Ortoño. Dende aquí, en pouco menos dun quilómetro chegamos á casa de Rosalía, na Tarroeira, onde remata a ruta.
  • Datos técnicos do percorrido: Lonxitude: 13,1 km. Desnivel positivo:175m. Desnivel negativo:368m. Dificultade técnica: baixa.
  • Tempo estimado: 3,5 horas (para un grupo de 45 persoas, facendo algunha parada para reagruparse ou ver algún punto de interese).
  • Puntos de interese: A Alameda de Santiago. Campus Vida. O río Sarela. Igrexa de Laraño e o seu cruceiro. O lugar de Rial. O lugar de Costoia. O lugar de Mourigade. Igrexa de Ortoño. Casa de Rosalía
  • Consideracións a ter en conta:
    • É un percorrido relativamente doado pero dada a súa lonxitude non é apto para todo o mundo. É preciso que aquelas persoas que queiran facelo teñan certo costume de camiñar e un mínimo estado de forma física.
    • Case o 100% do percorrido transcorre por estradas, que en xeral son pouco transitadas pero teñen tráfico, polo que habería que tomar as precaucións precisas para evitar incidentes.
    • O percorrido para por numerosos puntos onde se pode gozar dun interesante patrimonio natural (por exemplo o río Sarela) así como cultural (igrexas e lugares onde poder observar típicas mostras de arquitectura).
    • Os tempos son estimados e poden ser variables
itinerario
ruta

Entidades organizadoras:

  • Consello da Cultura Galega
  • Museo do Pobo Galego
  • Real Academia Galega


Entidades colaboradoras:

  • Concello de Ames
  • Concello de Santiago de Compostela
  • Universidade de Santiago de Compostela
  • Xunta de Galicia


Entidades que se adhiren:

  • Rede de Asociacións de Patrimonio