Ata o 11 de febreiro está aberta ao público na Ala Sur do Museo a exposición en lembranza de Aurora Pereira Carballo (1940-2023), Aurichu Pereira, pintora, música, deseñadora de moda e muller comprometida co nacionalismo galego.
A mostra inclúe traballos da súa obra pictórica, con cadros da súa primeira etapa, máis figurativos, e da última, de manchas de cores; e tamén unha pequena escolma de deseños de roupa feitos por ela, así como algún documento histórico relacionado coa vida da artista.
Trátase dunha exposición organizada en parelo á homenaxe que se celebrou no Museo o xoves, 11 de xaneiro, en lembranza da artista, con música, poesía e coa participación de familiares e amigas e amigos da artista. O acto, que se emitiu en directo a través da canle de Youtube do Museo pode verse nesta ligazón.
A exposición temporal pode visitarse de martes a sábado, de 16:00 ás 20:00 horas, na Ala Sur.