RESUMO DA VISITA AO REFUXIO DE BANDO E DOLMEN DE ZARRAMACEDO
O pasado 17 de febreiro, a Oficina de Socias e Socios do Museo organizou una visita ao Refuxio de Bando. Alí recibíronnos a directora do centro, Olaia Gracía, e mais o Concelleiro de Sustentabilidade Ambiental e Dereitos dos Animais do Concello de Santiago de Compostela, Xesús Domínguez, con quen percorremos as gateiras e caniles para saber máis sobre como atenden, nutren, desparasitan, pasean e atenden aos animais.

Unha visita moi interesante para decatarnos da cantidade de animais que precisan atopar un fogar, e tamén das opción que o refuxio abre á cidadanía para colaborar na súa atención (acollida, apadriñamento, voluntariado…)

Despois do refuxio achegámonos ao Dolmen de Zarramacedo, na mesma parroquia de Bando. O arqueólogo e representante de socios do Museo, José Ignacio Vilaseco Vázquez, explicounos varias das características deste túmulo funerario, un dos preto de nove mil que hai documentados en Galicia, feito en xisto e que noutrora estivo cuberto de terra e pedras.
