Fin de curso do proxecto Cóntame un Conto da Fundación Antonio Fraguas
A Fundación Antonio Fraguas celebrou o luns 30 de maio a festa de fin de curso da II Edición do proxecto Cóntame un Conto no Teatro La Salle de Santiago de Compostela. Nesta segunda edición participaron máis de 400 nenos e nenas de primaria e secundaria pertencentes a 5 centros educativos da nosa comunidade. Durante o presente curso académico recolleron, transcribiron, elaboraron fichas, leron, aprenderon e contaron contos nas súas aulas (de modo axeitado a súas idades e recursos) e mesmo gravaron e editaron vídeos. No acto de fin de curso estiveron presentes a presidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego, Concha Losada, o director do museo, Manuel Vilar, e o secretario de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García.
Cóntame un conto é un proxecto educativo que promove a actividade de contar contos tradicionais galegos entre os escolares da área de Compostela. O proxecto busca aproveitar as posibilidades educativas deste recurso, promover o coñecemento da literatura popular galega de transmisión oral e incorporar a tradición oral de contar contos ás actividades públicas dos centros escolares.
Na nosa web poden visualizarse os vídeos de contos relatados por nenos e nenas. Ademais, dispoñemos de enlaces a contos tradicionais orixinais dos que alberga o Arquivo do Patrimonio Oral e da Identidade do Museo do Pobo Galego (APOI).
O obxectivo da Fundación Antonio Fraguas é o de fomentar a recollida e estudo da cultura material e espiritual de Galicia. Ten como espazo de referencia singular o Museo do Pobo Galego, por desexo expreso do seu fundador en 1999. E é que o Museo recolle o legado do labor de D. Antonio Fraguas Fraguas e doutros ilustres patróns, e constitúe unha institución por eles querida para representar, sintetizar e edificar imaxes, sentidos e significados da tradición cultural de Galicia.