Unha carta xeométrica de Fontán no Museo
6 de outubro de 2023.
No pasado mes de maio asinouse a doazón ao Museo do Pobo Galego, xunto con outros documentos e pezas, dunha Carta geométrica de Galicia dividida en sus provincias de Coruña, Lugo, Orense y Pontevedra y subdividida en Partidos y Ayuntamiento, en moi bo estado.
Débese á xenerosidade de Helena Pardo-Ciorraga Meléndrez, doante coa que este Museo fica por sempre obrigado. Procede a Carta do pazo de Laia, situado no concello de Palas de Rei, e que foi propiedade da familia Pardo e antano solar de ilustres liñaxes como os Traba, tal e como o declinan os escudos de armas que conserva.
A Carta Xeométrica de Galicia foi levantada por Domingo Fontán Rodríguez (Porta do Conde, Portas, 17 de abril de 1788-Cuntis, 24 de outubro de 1866), matemático, político e xeógrafo ilustrado, coñecido e lembrado por ser o autor do primeiro mapa topográfico e científico de Galicia. Do seu ensino ocupouse un tío materno (Sebastián Rodríguez Blanco), crego de Noia, ademais de varios presbíteros que chegaron a esa vila fuxindo da Francia Revolucionaria de 1789 que o instruíron nos idiomas francés e inglés.
Estudou filosofía, hebreo, leis e canons, ciencias exactas e teoloxía na Universidade de Santiago, institución á que estivo vinculado boa parte da súa vida. Nela sería, andando o tempo, profesor de Retórica e Belas Artes, Lóxica, Metafísica ou Matemáticas Sublimes, exercendo tamén como docente de francés e inglés na escola militar do VI Exército establecido no Colexio San Clemente. En 1814 denunciárono por liberal, sendo absolto pola Real Audiencia.
Nos anos seguintes empezou a traballar na Carta Geométrica de Galicia, empeño ao que lle dedicou dezasete anos. Compatibilizou este labor coa incorporación á secretaría da Deputación Provincial de Galicia, con sede na Coruña, e coa dirección do Observatorio Astronómico de Madrid que lle encomendaron en 1834, precisamente na data en que acabou os traballos da Carta.
Entre 1836 e 1843 ocupou un escano de deputado polo Partido Liberal Moderado e aínda tivo vontade para participar en angueiras importantes como o deseño do trazado do primeiro camiño de ferro entre Compostela e Carril.
Está enterrado no Panteón de Galegos Ilustres, na igrexa do convento de San Domingos de Bonaval, hoxe sede deste Museo.
Guillermo Adolf Schulz (1805-1877), que se menciona na Carta en tanto destinatario do exemplar agasallado, foi un pioneiro da xeoloxía e da minaría en España, razón pola que existen rúas co seu nome en Oviedo, Xixón ou Mieres. Este enxeñeiro de minas hispano-alemán exerceu desde 1833 como Inspector de Distrito en Galicia e Asturias, elaborando importantes informes sobre a minaría en xeral e, especialmente, sobre as minas de carbón. Presidiu a comisión que debía realizar o mapa xeolóxico de España, a fin de levantar acta das riquezas do subsolo con vistas á súa explotación.