PoboAR, unha aplicación de realidade aumentada no Museo

PoboAR, unha aplicación de realidade aumentada no Museo
Imaxe
Presentación PoboAR

Santiago de Compostela, 1 de agosto de 2024.- Xa é posible explorar virtualmente o Museo do Pobo Galego, e facelo da man de dúas figuras como Rosalía de Castro e Castelao, grazas á aplicación deseñada e desenvolvida polo alumnado do obradoiro de emprego Appventurers, do Concello de Santiago.

A app presentouna esta mañá a man da concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas; acompañada do director do Museo, Manuel Vilar, e o seu sucesor, Lois Ladra, amais de dous dos alumnos participantes no obradoiro, Sara e Mateo.

María Rozas apuntou que a aplicación está "pensada para outorgarlle valor engadido á visita ao Museo do Pobo Galego” e facela "máis educativa e inmersiva”. Unha experiencia que, como engadiu Manuel Vilar, supón un paso máis para que o Museo continúe camiñando cara ao futuro sendo "fieis á nosa identidade e útiles para a sociedade na que estamos inseridos". 

Para utilizala é preciso descargar a app móbil, dispoñible para Android, e escanear os pictogramas que xa están instalados nas diferentes salas do Museo. En cada unha delas, a aplicación, que está dispoñible en galego, castelán, francés e inglés, fará aparecer a Rosalía de Castro ou a Castelao, que serán os encargados de explicar diferentes cuestións de cada un dos espazos expositivos. É preciso o uso de auriculares, para mellorar a experiencia e non interferir na do resto de persoas que visitan o Museo.

PoboAR foi creada polo alumnado do Obradoiro de emprego Appventurers do Concello de Santiago (cofinanciado polo Fondo Social Europeo Plus 2021-2027), no que participan 16 mozos e mozas menores de 30 anos que reciben formación nas especialidades de desenvolvemento de aplicacións con tecnoloxía web e desenvolvemento de produtos audiovisuais multimedia interactivos.