A MICE Museo do Pobo Galego abre a inscrición de filmes para a súa vixésima edición

A MICE Museo do Pobo Galego abre a inscrición de filmes para a súa vixésima edición
Imaxe
Inscricións 20 MICE MPG

Santiago de Compostela, a 4 de decembro de 2024.- A Mostra Internacional de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo Galego busca xa os filmes que formarán parte da sección oficial na súa vindeira edición, que se celebrará do 12 ao 16 de marzo de 2025. As inscricións están abertas desde hoxe e até o 30 de decembro, para películas de contido etnográfico producidas a partir do 1 de xaneiro de 2022. 

De novo, serán dúas as seccións a concurso, Internacional e Galicia. Todos os filmes optarán a tres premios: o Premio AGANTRO á excelencia antropolóxica; o Premio CREA e o Premio do Público. As películas galegas concorrerán tamén ao Premio á Mellor película etnográfica galega. Ademais destes catro galardóns con dotación económica, nesta edición, todos os traballos seleccionados recibirán, en concepto de selección, un canon establecido polo Festival en función da súa metraxe.  

A inscrición poderase facer a través das plataformas Clickforfestivals, Festhome e Filmfreeway

A Mostra Internacional de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo Galego conta co apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia, a área de Cultura da Deputación da Coruña e o Concello de Santiago de Compostela. Fiel aos seus case vinte anos de traxectoria, a MICE mantén inamovible o seu obxectivo de dar a coñecer o cinema etnográfico e a antropoloxía audiovisual ao público, partindo da premisa de que este tipo de cine é unha ferramenta de investigación, comunicación e creación, no ámbito da representación da diversidade cultural. Así, tamén nesta vixésima edición, a Mostra volverá ser un espazo de diálogo e intercambio arredor de películas que poñen no foco as persoas, os grupos sociais ou os procesos históricos relevantes relacionados coa antropoloxía e a etnografía. 

As bases ao completo poden consultarse na web da MICE