Inauguración da exposición "Cantareiras"
Santiago de Compostela, 11 de abril de 2025.- O Museo do Pobo Galego inaugurou hoxe a exposición Cantareiras. Oralidade, creación, transmisión, nun acto que contou cunha ampla presenza de persoas, entidades e colectivos vinculados coa música de tradición oral galega, ademais dunha nutrida representación institucional, coa participación, entre outras persoas, do secretario xeral de Lingua da Xunta de Galicia, Valentín Gómez; o representante do Concello de Santiago Xan Duro; ou o presidente da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo. Trátase dunha mostra producida polo Museo do Pobo Galego co gallo da homenaxe das Letras Galegas 2025 ás creadoras e transmisoras da poesía popular oral. Ideada e producida polo equipo técnico da entidade, é o froito de varios meses de investigación nos fondos do proxecto de recuperación, catalogación e dixitalización do Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade do Museo do Pobo Galego, no arquivo gráfico e documental e nos fondos da colección.
A exposición, que poderá visitarse no claustro alto do Museo até o 28 de setembro, toma como fío condutor a cadea de transmisión da oralidade e a poesía oral, desde as primeiras compilacións até a transición e a democracia, pasando polas recollas realizadas polo Seminario de Estudos Galegos e a compilación de músicas de tradición oral durante a ditadura, chegando até a situación da poesía oral a día de hoxe. Ese fío da transmisión que tece toda a exposición, para dar protagonismo ás voces femininas, personificouse esta tarde nas voces de Rosario e Carme das Marías, pandeireteiras e cantareiras da asociación Raigañas, nai e filla, que puxeron a música nesta xornada inaugural.
Pezas materiais, documentos bibliográficos, sonoros e audiovisuais
Entre os materiais expositivos, a mostra alberga unha selección bibliográfica, na que destacan tres compilacións das que o Museo posúe os orixinais: o Cantigueiro popular da Limia Baixa compilado por Xaquín Lorenzo e Aportacións ó cancioneiro de Cotobade, compilado por Antonio Fraguas, amais da Colección de cántigas da Mahía que fixo Luis Tobío Campos no ano 1880, que está no Fondo Xaquín Lorenzo. Como apuntaba na inauguración a responsable da Biblioteca do Museo, Ana Mateos, o interese por ese patrimonio cultural non decaeu, como se confirma nas escolmas realizadas a través das compilacións percorrendo as catro provincias. "Sen moitas Adolfina e Rosa Casás, Eva Castiñeira, Manuela Lema, Teresa García, Prudencia e Asunción Garrido coas súas voces e as súas pandeiretas na man non habería cantigueiros como os que están expostos, froito do traballo de campo de investigadoras e investigadores para dar a coñecer o noso rico patrimonio inmaterial. Os cancioneiros seguen medrando, seguen editándose hoxe, o que pon de manifeso que o interese na nosa tradición oral está moi vivo e a transmisión continúa", concluíu Ana Mateos.
Nese labor de investigación documental realizado desde a institución, “os primeiros exemplos que atopamos son arquivos como o de Alan Lomax ou o Fondo de Música Tradicional da Institució Mila y Fontanals do CSIC que alberga os materiais das Misións Folclóricas en Galicia entre os anos 1954 e 1960”, segundo apuntaba na inauguración Isabel Vigo, técnica do Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade APOI do Museo do Pobo Galego. “Ambos poden consultarse na exposición e forman parte dos seus contidos, xa que fixemos un baleirado que nos permite visibilizar os nomes de moitas avoas, nais, tías, madriñas, veciñas… que cantaron para a recompilación destes arquivos. A partir dos anos 70 e 80 xa contamos coas recollidas orais depositadas no APOI do Museo do Pobo Galego. Os nosos compiladores e compiladoras están presentes e tamén as súas informantes”, apuntou Isabel Vigo. “Neste arquivo e, por suposto, nesta exposición tamén están as homenaxeadas deste ano no Día das Letras Galegas. Adolfina e Rosa Casás Rama foron recollidas por Dorothé Schubarth e fan parte dos nosos fondos, algunhas das pandeireteiras de Mens, as irmás Asunción e Manuela Garrido Ameijenda e Teresa Lema Varela tamén foron visitadas por Dorothé Schubarth”, engadiu a responsable do APOI.
Así, amais do contido bibliográfico, a mostra componse de paneis informativos e unha ampla selección de materiais sonoros, que permiten escoitar as voces de moitas informantes a través de códigos QR e pantallas interactivas. Completan a mostra as pandeiretas e outros instrumentos musicais tradicionais, materiais discográficos, carteis, fotografías e outras pezas pertencentes algunhas á colección do Museo e outras cedidas por compiladoras e compiladores, por agrupacións ou mesmo por parentes dalgunhas das cantareiras homenaxeadas no Día das Letras Galegas. Entre elas, a pandeireta de Rosa Casás, cedida polo seu neto Richi Casás; ou a de Teresa Lema Varela, que chegou á exposición de mans do seu neto Jorge Blanco Varela. Tamén, o vídeo caseiro con gravacións de Eva Castiñeira, achegado por un dos seus fillos para formar parte desta mostra que procura musealizar un patrimonio vivo que, como tal, precisa seguir sendo investigado. “Son moitas as mulleres das que aínda continúa a haber pouca información, polo que sería de interese seguir xerando coñecemento en conxunto, tamén coa colaboración da sociedade, achegando calquera dato ou nome que poida resultar relevante para seguir sacando á luz o noso patrimonio”, engadía na presentación Isabel Vigo, do APOI do Museo.
O percorrido da mostra conclúe cunha peza audiovisual realizada expresamente para a ocasión, que recolle unha trintena de entrevistas con informantes, familiares, persoas compiladoras, estudosas e artistas vinculadas co Museo do Pobo Galego.
Cantareiras. Oralidade, creación, transmisión é, en síntese, un traballo meticuloso que parte do coñecemento especializado e do labor de investigación desenvolvido polo equipo técnico do Museo. En palabras da presidenta do Padroado, trátase dunha "proba do importante que é para esta institución o patrimonio inmaterial que alberga e aquel que pode chegar a albergar". "Esta é unha oportunidade única celebrar, difundir e dignificar este patrimonio e as súas portadoras. Unha oportunidade para cantar como nos ensinaron outras a facelo, e de seguir cantando nós para que nenas e nenos teñan alguén que tamén lles aprenda", concluíu Concha Losada.
A mostra, que poderá visitarse até o 28 de setembro, e que vai acompañada dunha ampla programación paralela artellada polo Museo do Pobo Galego, conta co apoio do Concello de Santiago, a Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia.