Inauguración da exposición "75 cabodano da sinatura de As cruces de pedra na Galiza"
Hai 75 anos, no mes de decembro de 1949, un Castelao exiliado na Arxentina asinaba no seu leito de morte os primeiros pregos da que ía ser a súa derradeira obra publicada: As cruces de pedra na Galiza, o resultado de moitos anos de estudo desas particulares mostras de relixiosidade popular.
Con motivo desa conmemoración, o martes, 3 de decembro, ás 19 horas, inauguraremos a exposición "75 cabodano da sinatura de As cruces de pedra na Galiza". Unha selección bibliográfica coa que desde o Museo do Pobo Galego queremos render unha modesta homenaxe ao máis coñecido polígrafo rianxeiro.
Na mostra, que poderá verse na Ala Sur até o 28 de decembro de 2024, inclúense fondos propios e diversas obras cedidas por persoas socias e patróns, que amosan a proliferación nestas sete décadas de numerosos estudos sobre as cruces de pedra nas diferentes fisterras atlánticas europeas.
A exposición está organizada e producida polo Museo do Pobo Galego. Conta co deseño gráfico e rotulación de Juan Feáns, e coa colaboración da Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña, Vicepresidencia da Deputación de Lugo - Área de Cultura e a Rede Museística Provincial de Lugo - Museo Provincial de Lugo; amais do Concello de Santiago de Compostela.