Doazón da edición facsímile do "Libro de Horas de Fernando I e Sancha"
O Museo do Pobo Galego vén de recibir en doazón un exemplar da edición facsímile (1995) do Libro de Horas de Fernando I e Sancha, datado en 1055 e custodiado na Biblioteca da Universidade de Santiago de Compostela. Non sabemos de certo as mans polas que pasou este manuscrito ao longo da historia, antes de chegar ao seu destino actual mediado o século XIX. A hipótese máis verosímil situaríao na libraría de San Martiño Pinario ata 1835, momento en que lles aplicaron aos fondos do mosteiro as leis desamortizadoras.
Sobre a orixe do códice ilústranos unha escena súa de presentación na que, a modo de retrato áulico, vemos o copista Pedro co aceno de ofrecerllo ao monarca mentres vira a cabeza cara a raíña como pedindo instrucións. Postos a buscar algún simbolismo no citado retrato de corte, talvez aluda ao afianzamento de Fernando na súa condición de emperador galaico-leonés (vencera ao seu irmán García de Navarra na batalla de Atapuerca) ao tempo que subliña a lexitimidade dinástica achegada por Sancha, en vista de que o seu cónxuxe viña sendo de estirpe navarresa.
En estudos adxuntados ao facsímile, tanto Manuel Díaz y Díaz como Serafín Moralejo rastrexan a mestura de tradición e modernidade do Libro, as influencias e antecedentes rioxanos ou ultrapirenaicos (gascóns), as fontes bíblicas en que se inspira, etc. Cómpre destacar a calidade das ilustracións de Fructuoso, pintor que recrea modelos mozárabes “en románico”, con un alcance y rigor sin precedente en códices de similar contenido (Moralejo dixit). O artista creou memorables evocacións dos Salmos, con variedade de acenos e achados expresivos que vivifican os textos e as figuras como Moisés, o rei David ou un místico cervo.
A transcrición do facsímile estivo a cargo de Mª Virtudes Pardo Gómez e Mª Araceli García Piñeiro, que na altura da edición que conmemoraba os cincocentos anos da Universidade compostelá pertencían ao persoal técnico da Biblioteca Universitaria. É precisamente Mariví Pardo quen doa agora o seu exemplar desta edición e faino en vésperas de que Rosa Méndez, bibliotecaria do Museo, se retire tras décadas de traballo de catalogación, selección e custodia duns fondos bibliográficos de enorme interese. Para Rosa foi un agasallo o recibir esta doazón case na despedida da súa vida laboral e a cousa parece ben traída porque o propio Libro das Horas de Fernando e Sancha naceu como un presente da raíña: Sancia ceu uoluit quod sum regina peregit… Petrus erat scriptor Fructosus denique pictor (Sancha a raíña fíxome conforme á súa vontade… Pedro foi o meu escriba mais Fructuoso o pintor).