Museo
A Asociación Padroado do Museo do Pobo Galego, constituída en Santiago de Compostela o 31 de xullo de 1976, ten como obxectivos investigar, conservar, divulgar e promover a cultura galega en todos os seus ámbitos; e, concretamente, crear e manter un museo ao servizo destes obxectivos.
Responde a unha vella aspiración de contar cun centro no que se reunisen, como conxunto ordenado e documentado, as manifestacións máis diversas da cultura tradicional de Galicia que, debido ao acelerado proceso de cambio económico, social e ideolóxico, estaban a experimentar a profunda transformación do seus trazos fundamentais co consecuente risco de perda de identidade.
O Museo do Pobo Galego está instalado no antigo convento de San Domingos de Bonaval, un edificio monumental que é propiedade do Concello compostelán. Metodoloxicamente, o Museo adscríbese ao campo da antropoloxía cultural, que pola súa propia natureza se incardina con outras disciplinas: historia, arte, medio natural, ciencia e pensamento, co propósito de integrar no proxecto global as manifestacións da cultura de Galicia nas respectivas áreas.
As actividades da institución teñen tres vertentes fundamentais: as salas permanentes, as exposicións temporais e o labor de investigación a través de publicacións científicas e divulgativas, congresos, cursos e seminarios.
O Museo conta, ademais, cunha extraordinaria Biblioteca especializada, cun Arquivo de material documental, gráfico e audiovisua,l e cun Departamento de Educación e Acción Cultural que desenvolve diversos programas para diferentes públicos e colectivos da sociedade.
O funcionamento da institución baséase nas achegas de entidades públicas e privadas, dos membros do Padroado, das socias e socios e outras persoas colaboradoras, así como dos ingresos do público.