MICE

Submitted by admin on Mar, 02/02/2021 - 10:15
Imaxe slider páxina
Imaxe slider

MICE

A Mostra Internacional de Cinema Etnográfico nace en 2006 e deseñouse como un evento do Museo do Pobo Galego para dar a coñecer os traballos audiovisuais relacionados coa etnografía e a antropoloxía, disciplinas científicas nas que se enmarca o traballo do Museo, unha entidade que, despois de máis de catro décadas de existencia, asume o reto de traer ao presente unha parte fundamental do noso patrimonio. A MICE pretende xerar un espazo de diálogo, de reflexión e de intercambio arredor da confluencia entre a antropoloxía social e cultural e a teoría e a práctica cinematográfica.

A MICE quere ir máis aló dos temas exóticos, primitivos ou tradicionais nos que a miúdo nos fai pensar a palabra etnografía. A través da análise etnográfica, a antropoloxía estuda as culturas e as sociedades humanas, e a antropoloxía visual promove o uso de imaxes para a súa descrición, análise, comunicación e interpretación. Aínda que a MICE conta cunha orientación especializada, abrangue coordenadas estilísticas e temáticas diversas, polo que a actitude do festival é inclusiva na creación dun espazo compartido arredor do cinema e das ciencias sociais.