Fundación Antonio Fraguas
O obxectivo da Fundación Antonio Fraguas é o de fomentar a recollida e estudo da cultura material e espiritual de Galicia. Ten como espazo de referencia singular o Museo do Pobo Galego, por desexo expreso do seu fundador en 1999. E é que o Museo recolle o legado do labor de D. Antonio Fraguas Fraguas e doutros ilustres patróns, e constitúe unha institución por eles querida para representar, sintetizar e edificar imaxes, sentidos e significados da tradición cultural de Galicia.
Despois da súa morte, a Fundación incorpora entre os seus obxectivos a defensa, conservación, promoción e divulgación do legado material e intelectual de D. Antonio.
A fundación Antonio Fraguas Fraguas desenvolve tarefas en apoio do Museo do Pobo Galego. Ademais, entre as súas liñas de actuación destaca o mantemento desde 2004 do Proxecto Didáctico Antonio Fraguas Fraguas, que rememora a súa figura como mestre, pedagogo, etnógrafo e historiador da cultura galega.