Desde o martes, 24 de setembro, até o xoves 26, acollemos o X Encuentro Cultura y Ciudadanía, organizado pola Subdirección Xeral de Cooperación Cultural nas Comunidades Autónomas do Ministerio de Cultura e Deportes.
Nesta décima edición, a organización plantea realizar un balance, actualización e proxección a futuro desta década do programa Cultura y Ciudadanía, recollendo, testando a evolución e problematizando aqueles temas, tendencias, debates, proxectos, experiencias e aprendizaxes máis relevantes do percorrido trazado durante estes anos, e apuntando outros para os anos presentes e vindeiros.
Entre as moitas actividades incluídas na programación desta cita de referencia internacional para as e os profesionales da cultura, inclúense tamén dúas propostas con participación directa do Museo: un itinerario sonoro, Son[Em]peza, e un debate para afondar no patrimonio vivo que son os museos etnográficos.
Son[Em]peza. Itinerario sonoro polo Museo do Pobo Galego
Son[Em]peza é unha visita sonora polas salas do Museo. Unha proposta, deseñada e conducida polo DEAC, para camiñar entre as pezas da colección escoitando pezas do patrimonio inmaterial: melodías, cantigas, contos, refráns, rituais ou sons asociados a eses obxectos do noso patrimonio material.
Actividade, dirixida ás persoas participantes no encontro, que require inscrición previa.
Debate. Museos etnográficos, un patrimonio vivo para problematizar o presente e entender o futuro
Un debate para poñer en valor o papel dos museos etnográficos, no que participará activamente o Museo do Pobo Galego, a través de Manuel Vilar, director da entidade desde 2019 até agosto deste 2024. Xunto con el, tomarán parte na conversa José Luis Calvo Domínguez, do Museo Etnográfico de Castela e León; e Luís Carvalho, do Museu do Douro, en Peso da Regua (Portugal). Moderará o debate Luzia Oca González, profesora axudante doutora do Departamento de Filosofía e Antropoloxía da Universidade de Santiago de Compostela.
O programa completo pode consultarse aquí.