Louza de Bamio: memoria, mulleres e territorio convida ao público a descubrir a riqueza dun oficio hoxe desaparecido: a tradición oleira da parroquia de San Xinés de Bamio, en Vilagarcía de Arousa. A mostra forma parte de Louceir@s de Bamio, un proxecto híbrido entre a Asociación de Mulleres Rurais de Bamio e a Universidade de Vigo, que procura recuperar a memoria social do barrio.
A exposición componse de seis paneis que percorren a historia e as técnicas desta tradición, facendo especial fincapé no papel fundamental das mulleres na transmisión dese saber. Ademais, a exposición inclúe a exhibición de varias pezas orixinais desta tradición oleira, algunhas pertencentes ao Museo do Pobo Galego e outras recuperadas polo propio proxecto Louceir@s de Bamio.
Trátase, en definitiva, dunha homenaxe a un oficio artesanal perdido, mais tamén unha posta en valor da importancia de revitalizar a memoria colectiva.
A exposición, poderá visitarse no Claustro Alto do Museo desde o 15 de xaneiro até o 2 de febreiro deste 2025. Está organizada polo proxecto Louceir@s de Bamio, a Asociación de Mulleres Rurais de Bamio e o Concello de Vilagarcía de Arousa, coa colaboración do Museo do Pobo Galego.