O mércores, 5 de febreiro, ás 19:00 horas, inauguramos no Museo Historias dun lugar. Segunda parada: Bonaval 2024-2025, un proxecto expositivo da artista e docente Mª Jesús Agra Pardiñas, coordinada polo DEAC e a profesora da USC Cristina Trigo, e coa mediación tamén da Asociación Veciñal A Xuntanza. O traballo explora a relación entre identidade e territorio, destacando o papel crucial da memoria como base da nosa identidade persoal e colectiva.
Logo de iniciar a andaina do proxecto cunha primeira parada en 2020 en Viseu (Portugal), Mª Jesús Agra Pardiñas foi convidada polo Museo do Pobo Galego a indagar arredor das historias de Bonaval: os usos deste espazo antes de albergar o Museo, as imaxes e lembranzas que a veciñanza conserva do edificio e da súa contorna, ou os cambios que sufriu co paso do tempo son algunhas das cuestións que xurdiron ao inicio desta proposta colaborativa.
O proceso creativo consistiu na procura de documentación sobre Bonaval e conversas con diferentes persoas relacionadas co lugar. Unha escoita na que acompañaron á artista as integrantes da Asociación Galiza Emocional Sol Álvarez, na fotografía, e Nacho Muñoz, na gravación dos sons. A partir dese traballo de recolla, a artista transformou as palabras nas súas propias vivencias, para comezar a levantar o “pobo” de Bonaval. Unha creación expositiva formada por varias casiñas da memoria baseadas nas conversas con Estrella Fernández, Mercedes Rico, José Méndez, Isabel Aguirre, Rosa Pardo e Mercedes Vázquez, e á que se sumaron tamén as casas de Nolo Suárez, Esperanza Delgado, Rosa Raviña, Cristina Trigo, Ángela Fraga, Rosa Cruces e a irmá Sagrario.
Así, o resultado desta segunda parada, e tamén da primeira, realizada por Agra durante unha residencia na Quinta da Cruz de Viseu en 2020, poden verse no Museo até o 30 de marzo. Tamén até entón, as persoas que visiten a exposición poderán seguir participando coas súas historias na construción deste arquivo afectivo de Bonaval, deixando as súas lembranzas nunha montaxe “en construción” que leva por lema Enfráscate en Bonaval.
O proxecto expositivo Historias dun lugar está organizada polo Museo do Pobo Galego, en colaboración coa Quinta da Cruz-Centro de Arte Contemporánea de Viseu e o Município de Viseu, co apoio da Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e o Concello de Santiago de Compostela.