
O martes, 22 de abril, ás 19:00 h, inauguraremos no Museo do Pobo Galego a exposición Castelao: o retorno a Galicia, 1984. Xan Carballa.
Procedente do Museo Provincial de Pontevedra, a mostra reúne 52 imaxes tomadas polo fotoxornalista Xan Carballa durante os actos levados a cabo en Santiago con motivo do retorno a Galicia dos restos de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, o 28 de xuño de 1984. Concretamente, en tres espazos: o aeroporto da Lavacolla, os exteriores de San Domingos de Bonaval e o propio Panteón de Galegas e Galegos Ilustres, lugar onde foi soterrada a gran figura do galeguismo.
Comisariada por Xosé Enrique Acuña, a exposición poderá verse na Ala Sur do Museo até o 15 de xuño, en horario de martes a sábados, de 16:00 a 20:00 horas.