O proxecto expositivo Historias dun lugar. Primeira parada: Quinta da Cruz – Viseu, 2020. Segunda parada: Museo do Pobo Galego – Bonaval, 2024 poderá verse desde o 19 de setembro até o 30 de marzo de 2025 no Museo.
Trátase dunha proposta que toma como punto de partida a obra da artista e docente María Jesús Agra Histórias de um lugar, realizada durante unha residencia na Quinta da Cruz de Viseu en 2020, co propósito de explorar e potenciar a identidade e o territorio dese particular espazo. O resultado daquel traballo, que agora pode visitarse na primeira parada deste proxecto expositivo do Museo, é un conxunto de fotografías, colaxes e outras pezas artísticas que constitúen unha cartografía das memorias, as paisaxes, os afectos e as percepcions sensoriais da Quinta da Cruz, partindo das conversas que Agra mantivo coas persoas que a habitaron e construíron a súa identidade, así como das propias impresións da artista.
Partindo dese mesmo proceso de traballo no que María Jesús Agra aplicou en Viseu métodos de recolla etnográfica, desde este mes de setembro desenvolverase a segunda parte do proxecto expositivo, Segunda parada - Bonaval, 2024. A través do artístico e do audiovisual, representarase a memoria afectiva de San Domingos de Bonaval, o lugar que acolle o Museo do Pobo Galego desde a súa creación. Coa coordinación do DEAC do Museo e da profesora da USC Cristina Trigo, e en colaboración coa asociación veciñal A Xuntanza e co colectivo Galiza emocional, Agra contactará con diferentes persoas e colectivos que gardan vínculos, vivencias, sons e imaxes relacionadas con este espazo. O resultado dese traballo colaborativo, que poderá verse a partir de xaneiro de 2025, será, por unha banda, unha obra final da artista, coa súa interpretación dos relatos e lembranzas das e dos seus informantes.
En paralelo, tamén as persoas integrantes do proxecto e as que se acheguen á exposición poderán participar coas súas historias na construción deste arquivo afectivo de Bonaval. Co lema Enfráscate en Bonaval, preténdese animar a toda persoa que visite a exposición a deixar as súas lembranzas como parte da montaxe “en construción”. Unha dinámica de participación colectiva que xa puxeramos en marcha nunha instalación anterior, Cartografías textiles, na nosa primeira colaboración co grupo C3 de arte e educación do que forman parte María Jesús Agra e Cristina Trigo, quen tamén está implicada no proxecto que hoxe se presentou.
Ademais, como actividades paralelas, Historias dun lugar inclúe tamén a realización de dous obradoiros: un para as entidades colaboradoras e as persoas informantes da contorna de Bonaval, e outro aberto para todas aquelas persoas que, desde asociacións e entidades, teñan interse en coñecer e poñer en práctica este proceso de recolla da memoria no seu lugar de residencia, traballo ou voluntariado.
Historias dun lugar. Primeira parada: Quinta da Cruz – Viseu, 2020. Segunda parada: Museo do Pobo Galego – Bonaval, 2024 está organizada polo Museo do Pobo Galego, en colaboración coa Quinta da Cruz-Centro de Arte Contemporánea de Viseu, co apoio da Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e o Concello de Santiago de Compostela.