
O proxecto expositivo Historias dun lugar. Primeira parada: Quinta da Cruz – Viseu, 2020. Segunda parada: Museo do Pobo Galego – Bonaval, 2025 pode verse até o 30 de marzo de 2025 no Museo.
Trátase dunha proposta que toma como punto de partida a obra da artista e docente María Jesús Agra Histórias de um lugar, realizada durante unha residencia na Quinta da Cruz de Viseu en 2020, co propósito de explorar e potenciar a identidade e o territorio dese particular espazo. O resultado daquel traballo, que conforma a primeira parada deste proxecto expositivo do Museo, é un conxunto de fotografías, colaxes e outras pezas artísticas que constitúen unha cartografía das memorias, as paisaxes, os afectos e as percepcions sensoriais da Quinta da Cruz, partindo das conversas que Agra mantivo coas persoas que a habitaron e construíron a súa identidade, así como das propias impresións da artista.
Partindo dese mesmo proceso de traballo no que María Jesús Agra aplicou en Viseu métodos de recolla etnográfica, desde o mes de setembro desenvolveuse a segunda parte do proxecto expositivo, Segunda parada - Bonaval 2024-2025. Mª Jesús Agra Pardiñas foi convidada polo Museo do Pobo Galego a indagar arredor das historias de Bonaval: os usos deste espazo antes de albergar o Museo, as imaxes e lembranzas que a veciñanza conserva do edificio e da súa contorna, ou os cambios que sufriu co paso do tempo son algunhas das cuestións que xurdiron ao inicio desta proposta colaborativa.
O proceso creativo consistiu na procura de documentación sobre Bonaval e conversas con diferentes persoas relacionadas co lugar. Unha escoita na que acompañaron á artista as integrantes da Asociación Galiza Emocional Sol Álvarez, na fotografía, e Nacho Muñoz, na gravación dos sons. A partir dese traballo de recolla, a artista transformou as palabras nas súas propias vivencias, para comezar a levantar o “pobo” de Bonaval. Unha creación expositiva formada por varias casiñas da memoria baseadas nas conversas con Estrella Fernández, Mercedes Rico, José Méndez, Isabel Aguirre, Rosa Pardo e Mercedes Vázquez, e á que se sumaron tamén as casas de Nolo Suárez, Esperanza Delgado, Rosa Raviña, Cristina Trigo, Ángela Fraga, Rosa Cruces e a irmá Sagrario.
En paralelo, tamén as persoas integrantes do proxecto e as que se achegaron durante estes meses á exposición puideron participar coas súas historias na construción deste arquivo afectivo de Bonaval. Co lema Enfráscate en Bonaval, tiveron ocasión de deixar as súas lembranzas como parte da montaxe “en construción”.
Historias dun lugar. Primeira parada: Quinta da Cruz – Viseu, 2020. Segunda parada: Museo do Pobo Galego – Bonaval, 2024 está organizada polo Museo do Pobo Galego, en colaboración coa Quinta da Cruz-Centro de Arte Contemporánea de Viseu e o Município de Viseu, co apoio da Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e o Concello de Santiago de Compostela.