Desde o xoves, 12 de setembro de 2024, e até o 13 de outubro pode visitarse no Museo a exposición Luísa Villalta. A Música das Palabras, que repasa a traxectoria biográfica e profesional da polifacética escritora homenaxeada nas Letras Galegas 2024.
O proxecto componse de 14 paneis informativos que repasan, mediante textos divulgativos e unha ampla información visual, a súa traxectoria vital, intelectual e profesional da coruñesa. A eles súmanse seis vitrinas con pezas orixinais relacionadas coa protagonista e un videopoema recitado pola propia Villalta. Todo, co fin de facer accesible o coñecemento e comprensión da traxectoria de Luísa Villalta desde moi diversas perspectivas, como é a súa infancia, a súa etapa universitaria, a súa evolución no ámbito musical, os seus primeiros escritos ou o seu labor intelectual, activista e docente.
A mostra, promovida pola Xunta de Galicia e enmarcada na programación do CulturON, está comisariada por Xesús Domínguez Dono; e producida por Merlín Comunicación (Grupo Editorial Galaxia).