Exposición "Habitar o baleiro"

Submitted by xestor on Ven, 07/06/2024 - 09:25
13
Jun
2024
Tipo evento
Exposición
Exposición "Habitar o baleiro"
Imaxe
Habitar o baleiro

A exposición Habitar o baleiro, unha escolla de 10 anos de traballo de documentación do fotógrafo Brais Lorenzo nalgunhas das áreas máis despoboadas de Galicia, poderá verse no Museo desde o 13 de xuño ata o 1 de setembro. 

Coordinada por Tono Arias, configúrase a partir dunha narrativa complementada por audios, vídeos e textos dos xornalistas Cláudia Morán, Sergio Pascual e Lucía Abarrategui que crean, en conxunto, unha experiencia inmersiva. A mostra forma parte dun proxecto xornalístico con vocación de longo percorrido do colectivo formado por Lorenzo, Morán, Pascual e Abarrategui e co apoio dos profesionais do audiovisual Miguel Riaño, Thomas Harris e Juan Carlos García.

A soidade, o illamento, o abandono e a desasistencia nalgunhas das zonas con maior perda de densidade de poboación nas provincias de Lugo e Ourense son algunhas das temáticas da exposición, alén de problemáticas vencelladas ao despoboamento, como os incendios forestais e a convivencia cos parques eólicos.

Habitar o baleiro tamén acolle outra cara máis amable das zonas rurais galegas, como a repunta do interese polo sector primario e outros proxectos de vida no rural ou a visión do Entroido como ferramenta de reivindicación e preservación cultural e do territorio.

Entre os escenarios das imaxes atópanse concellos como San Xoán de Río, Chandrexa de Queixa, Negueira de Muñiz e A Fonsagrada ou as montañas dos Ancares e O Courel.

A exposición Habitar o baleiro, de carácter itinerante, está organizada polo Museo do Pobo Galego, a Deputación de Ourense e o Concello de San Xoán de Río e colaboran a Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e o Concello de Santiago de Compostela.

Horario: das 16:00 ás 20:00 horas (de martes a sábado) .

Dossier "Habitar o baleiro"