O 16 de novembro é o Día Internacional do Patrimonio Mundial, unha data emblemática na que se estableceu un acordo para a protección, coidado e preservación dos bens naturais e culturais. Manifestacións entre as que están, entre outras, a música e as linguas, dous dos eixos de 586 Cantos, un espectáculo producido polo Museo do Pobo Galego que pon en valor a tradición e sabedoría que nos legaron as portadoras e transmisoras da nosa poesía popular oral, futuras homenaxeadas nas Letras Galegas 2025, así como os arquivos que albergan o patrimonio inmaterial galego. A cita, o sábado 16, será no Teatro Colón da Coruña, ás 20 horas, no marco do Ciclo Músicas Posíbeis da Deputación da Coruña.
O espectáculo, que é unha idea orixinal da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico MICE Museo do Pobo, parte do traballo etnomusicolóxico que Dorothé Schubarth levou a cabo en Galicia, coa colaboración de Antón Santamarina, e cuxo resultado doou ao Museo do Pobo Galego hai agora dez anos. Gravacións sonoras, fotografías, transcricións de textos e partituras depositadas no noso arquivo, coas que Laura Piñeiro e Fran Rodríguez Casal, cineastas da Asociación Memoria e Cinema, deron forma a unha montaxe audiovisual que se combina no espectáculo coa reinterpretación desas músicas tradicionais da man de Richi Casás, que leva anos investigando os arquivos do Cancioneiro, e que ademais é sobriño e neto de dúas das portadoras, Rosa e Adolfina. No directo, Casás, estará acompañado de Fran Barcia, Tania Caamaño e Marina Vidal.
A cita é de balde previa reserva de convite.