Un espectáculo audiovisual con música en directo, producido polo Museo do Pobo Galego. Despois da súa estrea na 19 MICE e do seu paso polo Teatro Colón da Coruña e o auditorio do Centro Cívico de Malpica de Bergantiños, 586 cantos chega a Ordes, como parte da programación Outono das Artes da Deputación da Coruña. A cita é no Auditorio Municipal, Casa da Cultura de Ordes, ás 20 horas.
A peza pon en valor o papel das portadoras e transmisoras da poesía popular oral, así como os arquivos que albergan o patrimonio inmaterial galego, a partir do traballo etnomusicolóxico que Dorothé Schubarth levou a cabo en Galicia, coa colaboración de Antón Santamarina, e cuxo resultado doou ao Museo hai agora dez anos. Gravacións sonoras, fotografías, transcricións de textos e partituras coas que Laura Piñeiro e Fran Rodríguez Casal, cineastas da Asociación Memoria e Cinema, deron forma a unha montaxe audiovisual que se combina no espectáculo coa reinterpretación desas músicas tradicionais da man de Richi Casás, acompañado de Fran Barcia, Tania Caamaño e Marina Vidal.
A entrada é gratuíta e libre até completar capacidade.