No marco da programación do Outono das Artes, da Deputación da Coruña, o espectáculo 586 cantos, producido polo Museo do Pobo Galego, proxectarase en Malpica de Bergantiños o domingo, 17 de novembro, ás 19 horas, no auditorio do Centro Cívico.
O espectáculo pon en valor toda esa tradición e sabedoría que nos legaron as portadoras e transmisoras da nosa poesía popular oral. Mulleres como Prudencia e Asunción Garrido Ameijende e mais Manuela Lema Villar, parte das Pandeireiteiras de Mens, naturais de Malpica de Bergantiños, unhas das futuras homenaxeadas nas Letras Galegas 2025.
586 cantos é unha idea orixinal da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico MICE Museo do Pobo, que parte do traballo etnomusicolóxico que Dorothé Schubarth levou a cabo en Galicia, coa colaboración de Antón Santamarina, e cuxo resultado doou ao Museo do Pobo Galego hai agora dez anos. Gravacións sonoras, fotografías, transcricións de textos e partituras depositadas no noso arquivo, coas que Laura Piñeiro e Fran Rodríguez Casal, cineastas da Asociación Memoria e Cinema, deron forma a unha montaxe audiovisual que se combina no espectáculo coa reinterpretación desas músicas tradicionais da man de Richi Casás, que leva anos investigando os arquivos do Cancioneiro, e que ademais é sobriño e neto de dúas das portadoras, Rosa e Adolfina. No directo, Casás, estará acompañado de Fran Barcia, Tania Caamaño e Marina Vidal.
Logo do éxito de público e crítica na estrea do espectáculo na inauguración da 19ª MICE no Teatro Principal de Santiago de Compostela, en marzo de 2024, o Museo e a Deputación da Coruña pretenden agora continuar dándolle visibilidade a esta produción que homenaxea as mulleres que preservaron e transmitiron a poesía popular de xeración en xeración, así como a aquelas outras persoas que foron recollendo os cancioneiros populares por todo o país, contribuíndo a visibilizar a riqueza dunha expresión artística infravalorada durante séculos.
A entrada é gratuíta até completar capacidade.