Biblioteca Familia Baltar
Iniciouse a comezos do século XIX en Padrón polo farmacéutico José Baltar Varela, sendo continuada polo seu sobriño, Ángel Baltar Varela. Conservouse naquela vila polos irmáns Baltar Cortés, ata mediados dos anos 40 do século XX en que se traslada a Santiago. Don Ramón Baltar Domínguez (1902-1981), prestixioso médico-cirurxián e humanista, recibe a biblioteca por cesión desinteresada dos sucesores dos irmáns Baltar Cortés, sendo el quen se ocupou de ampliala, consolidala e mantela agrupada. No ano 2005 os herdeiros de don Ramón Baltar Domínguez fan entrega da colección ao Museo do Pobo Galego.
Con máis de 15.000 volumes, este fondo ten un carácter pluridisciplinar e enciclopédico. De variada temática, abrangue diversos campos que mostran as afeccións dos seus propietarios: as vangardas artísticas do século XX, un conxunto de dicionarios coa primeira edición do Diccionario de la Real Academia Española (1726-1739), así como a historia, a socioloxía, a literatura, o humor e a fotografía entre outras. A produción literaria galega está presente a través das obras de López Ferreiro, os dicionarios e gramáticas de Saco Arce, Cuveiro Piñol ou Valladares Núñez. A literatura do exilio plasma a amizade da Familia Baltar con autores como Rafael e Eduardo Dieste, Seoane ou Castelao como consta nos moitos exemplares dedicados.
Cronoloxicamente abarca desde o século XV ata ben avanzado o século XX. Do fondo antigo pódense destacar obras como a de Paulo Orosio Historiarum liber e tenebrarum faucibus... (París, 1524), libros dos impresores de Compostela, Aguayo i Aldemunde ou as Constituciones de la Real Universidad de Santiago do impresor Antonio Frayz de 1678.