Santiago de Compostela, 25 de novembro de 2019. - O Simposio Antonio Fraguas poralle o ramo á celebración das Letras Galegas 2019 cun programa que arrincará o martes 26 de novembro na Real Academia Galega (A Coruña) e continuará os días 27 e 28 no Museo do Pobo Galego (Santiago de Compostela). Ambas as institucións, o Consello da Cultura Galega e a Fundación Antonio Fraguas organizan conxuntamente este encontro, que xuntará unha vintena de voces que profundarán na pegada de Antonio Fraguas na cultura galega e no seu legado nos estudos de etnografía e folclore, xeografía e arqueoloxía.
O simposio, que é de entrada gratuíta ata completar aforo, terá a xornada inaugural na sede da Real Academia Galega na rúa Tabernas, 11 da Coruña, o martes 26 de novembro a partir das 19 horas. O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, coordinará unha mesa na que María Xosé Fernández Cerviño ofrecerá un perfil biográfico da figura homenaxeada este 17 de maio pola RAG, institución á que pertenceu dende 1942, primeiro como académico correspondente e a partir de 1951 como membro de número. Antonio Reigosa falará dalgúns seres fantásticos de Galicia sobre os que escribiu Antonio Fraguas e o académico Francisco Díaz-Fierros analizará as súas achegas sobre o territorio e a paisaxe. O serán concluirá cun concerto de Oscar Ibáñez baseado no Cancioneiro de Cotobade, recollido polo propio Fraguas na súa terra natal.
O programa continuará o mércores 27 e o xoves 28 de novembro en Santiago de Compostela, na sede do Museo do Pobo Galego, institución na que Antonio Fraguas participou activamente dende a súa xestación. El foi, de feito, o seu primeiro director, dende 1977 ata 1989, cando pasou a presidir o padroado desta institución tras o pasamento do seu amigo Xaquín Lorenzo. Máis dunha ducia de especialistas afondarán nestas dúas xornadas no legado de Antonio Fraguas na etnografía e o folclore, a xeografía e a arqueoloxía, e reflexionarán tamén sobre a evolución destas disciplinas antes e despois das súas achegas.
A xeografía e a arqueoloxía centrarán o programa do mércores 27 de novembro contando coas achegas de Francisco Durán, Valerià Paül, Camiño Noia, Henrique Monteagudo, Francisco Calo Lourido, Felipe Arias e María Pilar Prieto Martínez. O Simposio Antonio Fraguas concluirá o 28 de novembro poñendo o foco na etnografía e no folclore da man de María Concepción Losada, Clodio González, António Medeiros, Luzia Oca, Cristina Sánchez Carretero, Xosé C. Sierra e Xerardo Pereiro.
O Simposio Antonio Fraguas, que conta co apoio da Xunta de Galicia, será coordinado polo secretario da RAG, Henrique Monteagudo; o académico e membro do padroado do MPG, Clodio González; e a antropóloga Lucia Oca González, membro da Comisión de Igualdade do CCG. A asistencia é libre e gratuíta ata completar a capacidade das salas. As persoas que precisen un xustificante de asistencia poderán solicitalo no correo electrónico secretaria@academia.gal.
Consulta o programa aquí.
De martes a sábado:
10:30 -14 horas // 16 - 19:30 horas
Domingos e festivos:
11 - 14 horas
LUNS PECHADO
24 e 31 de decembro, 5 de xaneiro: 11 - 14 horas
Peche anual:
1 de xaneiro (Aninovo) e
25 de decembro (Nadal)
Entrada ordinaria:
3 euros
Entrada reducida:
1 euro (maiores de 65 anos, estudantes maiores de 18 anos)
Entrada gratuíta:
socios do Museo (acompañantes 2 euros), estudantes menores de 18 anos e traballadores desempregados
Grupos a partir de 8 persoas, ou de 4 persoas con carné de familia numerosa:
2 euros por persoa
Visita a exposicións temporais:
gratuíta
Entrada libre:
Domingos
18 de maio (Día dos Museos)
25 de xullo
29 de outubro (aniversario do MPG)
C/ San Domingos de Bonaval,
15703, Santiago de Compostela.
tel. 981-583620 / fax 981-554840
email: info@museodopobo.gal
Existe a posibilidade de organizar visitas para grupos previo contacto
Para poder visualizar a visita virtual é necesario ter instalado:
· QuickTime. Descarga