Novas
Xa podes descargar "Activando a memoria desde o Museo do Pobo Galego. O folclore como recurso para a estimulación cognitiva"
22-09-2016
http://www.museodopobo.gal/web/uploads/file/ActivandoamemoriadesdeoMPG.pdf
Activando a memoria desde o Museo do Pobo Galego. O folclore como recurso para a estimulación cognitiva funciona como unha guía para o uso de recursos asociados aos contidos do Museo nas terapias cognitivas con persoas afectadas de doenzas tipo alzheimer. Constituída por unha serie de exercicios orientados á estimulación cognitiva-funcional, baseados en distintos aspectos do folclore galego, as actividades propostas pretenden provocar estímulos auditivos, psicomotrices e visuais que axuden a activación da memoria, ao reforzamento das capacidades cognitivas e a xerar un impacto positivo sobre as emocións.
Activando a memoria desde o Museo do Pobo Galego é froito da colaboración de AGADEA (Asociación Galega de Axuda ós Enfermos con Demencias tipo Alzheimer) e o Departamento de Educación e Acción Cultural, do Museo do Pobo Galego e iniciada xa unha década. O proceso para chegar ata a publicación que agora se presenta, desenvolveuse nos últimos tres anos nos que, o persoal do Departamento de Educación e Acción Cultural do Museo e de AGADEA, traballou sobre o deseño dun programa de actividades para testar, primeiramente, cun grupo de control. Esta fase de ensaio, que durou nove meses, consistiu en diversas sesións nas que se probaron distintos temas, dinámicas e actividades. A posterior análise e avaliación das mesmas levou a escolla de determinados elementos do patrimonio etnográfico e do tipo de actividades que mellor cumpriran cos obxectivos marcados e que son os que conforman a proposta definitiva. O deseño desta proposta final correu a cargo da terapeuta de AGADEA, Beatriz Rey Mourelle e da educadora do Museo, Carme Campo Martínez.
Este proceso, ademais de axudar a definir os recursos, incorporou tamén as voces das persoas afectadas pola doenza de alzheimer, a través daquelas que participaron na fase de ensaio. Unha parte fundamental de todo o proxecto é o empoderamento das persoas afectadas e de quen as atende, dentro dun contexto de reflexión crítica sobre o papel dos museos como espazo e ferramenta de transformación social, imprimindo novos significados ao patrimonio que albergan.
A publicación, que se edita só en formato dixital, estará dispoñible na web de AGADEA e na do Museo a partir da súa presentación pública. A idea é que estea accesible para calquera que queira usala, profesional ou non. O deseño fíxose pensando no seu manexo tamén no ámbito doméstico, por aquelas persoas que teñen ao seu coidado a algún ou algunha doente.