San Domingos de Bonaval

Submitted by admin on Mér, 03/02/2021 - 12:22
San Domingos de Bonaval

O antigo convento de San Domingos de Bonaval sitúase fóra da cidade amurallada, na aba da Almáciga e ao lado da Porta do Camiño, pola que entran cara á catedral os peregrinos do Camiño Francés.

A súa fundación remóntase á Idade Media. Segundo a tradición, foi creado polo propio san Domingos de Guzmán, que peregrinaría a Compostela en 1219. Con todo, o corpo conventual actual corresponde á renovación barroca do arquitecto Domingos de Andrade.

Galería vertical
Imaxe
Imaxe fachada
Título
A pegada de Domingos de Andrade
Corpo

Durante o episcopado de frei Antonio de Monroi, arcebispo de Santiago entre 1685 e 1715, o convento de Bonaval vai experimentar unha gran remodelación. O deseñador desta ampliación e renovación artística será Domingos de Andrade, gran arquitecto que estaba a realizar importantes obras na cidade, como a torre do Reloxo da catedral. Do seu traballo en Bonaval hai que destacar a magnífica escaleira helicoidal e o claustro.

Imaxe
Imaxe escaleira
Título
A escaleira
Corpo

Única no seu xénero en Europa, a escaleira de San Domingos de Bonaval foi construída para organizar o espazo de circulación entre os distintos andares. Desenvólvese en tres ramplas despregadas nunha tripla hélice, que comunican cada unha das portas sen entrecruzarse, deixando o oco central despexado para o paso da luz.

Imaxe
Imaxe claustro
Título
O claustro
Corpo

Aínda que a primeira vista o claustro pode parecer que ten unha forma regular, estamos ante un clásico engano visual do barroco. Andrade conseguiu, a través de diferentes efectos ópticos, adaptar a arquitectura para dar harmonía e disimular a irregularidade da planta. Neste espazo de tránsito poden verse diferentes mostras de epigrafía e escultura antiga, ademais de restos da fábrica do convento medieval.

Imaxe
Imaxe O Coro
Título
O coro
Corpo

Na reforma do século XVIII fíxose o coro da igrexa. Hoxe acolle un conxunto de arte sacra procedente do antigo templo e dos fondos do Hospital Real. Tamén destaca o facistol orixinal do convento, que se empregaba para soster os libros do coro que recollen os cantos que acompañan a liturxia. Pódese acceder a este lugar desde o primeiro andar do claustro.

Imaxe
Imaxe do edificio aérea
Título
Novos usos para o convento
Corpo

Cando se promulga a lei de exclaustración das ordes relixiosas en 1836, o convento pasa a mans do Concello. O primeiro uso foi o de hospicio, que por 1945 aínda ocupaba a parte norte. A zona sur acolleu un colexio de xordomudos e cegos. Cando terminan estas institucións, Bonaval quedou por un tempo desocupado, ata que se decide en 1963 acondicionar unha parte das dependencias para Museo Municipal.

Será en 1977 cando o Concello ceda o edificio para a creación do Museo do Pobo Galego.

Imaxe
Imaxe parque Bonaval
Título
O parque de Bonaval
Corpo

A gran horta do convento conserva aínda ruínas dalgunhas dependencias dos frades dominicos e os panteóns do vello cemiterio municipal aquí instalado. No ano 1994, o prestixioso arquitecto portugués Álvaro Siza e a galega Isabel Aguirre transforman este lugar en parque público. Ademais, un ano antes Siza asinaba tamén o deseño do Centro Galego de Arte Contemporánea, situado a carón da entrada do convento.

A Igrexa de San Domingos

A parte máis antiga do conxunto de San Domingos é o seu templo, dos séculos XIII e XIV. É o único exemplo de gótico mendicante conservado na cidade. Co paso do tempo, a igrexa acolleu novas estruturas e expresións artísticas.

É o caso das capelas que rodean as naves. Podemos destacar a do Rosario, levantada no solar do claustro medieval e a única que conserva o culto; ou a da Visitación, na que se encontra o Panteón de Ilustres de Galicia.

Baixo os arcos da cabeceira descansan donas e cabaleiros da familia Moscoso, de orixe compostelá. No século XV, na mesma época na que conseguen o título de condes de Altamira, foron esculpidos os catro sepulcros. O seu escudo está presente na cabeceira e na fachada do templo.

No exterior, unha reixa barroca dá acceso ao adro e portada con tres imaxes góticas: a Virxe co Neno Xesús flanqueada por san Pedro e santa Catarina. Outra escultura gótica é a da Virxe de Bonaval, na cabeceira.

Imaxe igrexa
Imaxe igrexa
Imaxe igrexa
Imaxe igrexa
Imaxe igrexa
Imaxe igrexa
Imaxe igrexa
Imaxe igrexa
Imaxe igrexa