Continúa a dixitalización do Fondo Ricardo Blanco-Cicerón

Tipo nova
Biblioteca e arquivos
Continúa a dixitalización do Fondo Ricardo Blanco-Cicerón
Imaxe
Documento dun diploma de 1922 outorgado á Sociedad Pro-Monte Santa Tegra,  dixitalizado grazas ás axudas do FEDER.

      O Museo acaba de conseguir a subvención, en réxime de concorrencia competitiva, para a dixitalización do patrimonio cultural galego. Esta axuda, que concede a Xunta de Galicia a través da Amtega, está cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.


     O obxectivo do proxecto é continuar a dixitalización do Fondo Ricardo Blanco-Cicerón iniciada na anterior convocatoria. Consiste no tratamento de preto de 3.000 documentos (tanto de arquivo coma de biblioteca), que xerarán arredor de 20.200 imaxes. Esta tarefa levarase a cabo entre os meses de agosto e febreiro. Os traballos de clasificación, catalogación e dixitalización serán desenvolvidos por persoal cualificado.


     O fondo Ricardo Blanco-Cicerón (1844-1926) é un arquivo familiar cedido ao Museo pola Familia Acuña Castroviejo. Está composto por material moi diverso (manuscritos, impresos, fotografías, debuxos, planos....) e de moi variada temática: documentación persoal, patrimonial e profesional, xa que foi alcalde de Tui entre 1887 e 1879, apoderado da Banca Simeón, tesoureiro da Xunta da Caja de Ahorros-Monte de Piedad, e membro activo da Sociedade Económica de Amigos do País e da Real Academia Galega, entre outras.

     A dixitalización deste fondo permítenos difundir e preservar o rico patrimonio documental e bibliográfico galego, obtendo así unha cumprida visión do que sería a sociedade galega entre os séculos XIX-XX.


   Grazas a proxectos coma este, podemos non só preservar mellor os bens documentais, senón tamén facilitar o acceso da cidadanía a esta documentación e promover así o seu coñecemento.