A locomotora que chegou en tren

Enviado por xestor el Mar, 16/11/2021 - 10:20
16
Nov
2021
A locomotora que chegou en tren
Imaxe
locomotora

PEZA DESTACADA

Ficha Técnica

Rexistro                        9630
Nome                            Locomotora das castañas
Título                             A Santa Fe
Procedencia                  Santiago de Compostela
Lugar de execución      Ourense


A LOCOMOTORA QUE CHEGOU EN TREN

A Santa Fe é unha desas pezas persoais que conservamos no Museo do Pobo Galego e que, na súa singularidade, acaban por representarnos como pobo, como comunidade. O Museo garda, conserva, mais non só pezas, físicas, agarima as historias que nos representan.


Certamente, ela representa todo un período da historia da Galiza, desde o punto de vista da materialidade, o sustento, a natureza, o sentido colectivo e a técnica e o progreso. Tamén un sentimento e un modo de vida, o urbano, que lonxe de aparecerse oposto do rural, acompañouno sempre, permitindo, como é o caso que nos ocupa, o desfrute dunha actividade que xa é tradición nas nosas vilas e cidades.

A Santa Fe, chegou a Santiago no ano 1947, procedente de Ourense, en tren e da man de Néstor Prieto Alvárez, orixinario da zona de Castro Caldelas e primeiro en instaurar na capital da Galiza a locomotora de castañas. O ferreiro de Ourense, artífice destas pezas, foi Currás que, baseándose na moderna máquina do ferrocarril que acababa de chegar anos atrás á Península Ibérica, decidiu utilizar este mesmo modelo para os carriños das castañas. Se ben até entón o oficio de venda de castaña asada era exercido principalmente por mulleres que, acompañadas dunha tarteira cun bidón de butano, as vendían a pé de rúa. E antes directamente con lume, como alicerza a tradición, oral e escrita, de séculos.
Mais volvamos á Santa Fe e a súa permanencia aínda entre nós. Co modelo da locomotora, o negocio da venda de castañas asadas pasaba tamén a ser exercido polos homes. O negocio era moi limitado, xa que a existencia do froito ficaba reducida a uns poucos meses. O resto do ano, os vendedores de castañas adoitaban vender froitos secos e, no verán, trocaban o carriño das castañas polo dos xeados, resultando un negocio moito máis rendible. Tal foi o caso de Néstor que, despois do tempo das castañas e sobre todo nos primeiros anos, adoitaba vender cacahuetes e, nos veráns, sacaba o carriño dos xeados, sendo a súa especialidade: antes de aterrar en Santiago, estivo traballando como xeadeiro en Madrid. 
Néstor Prieto, nos anos 60, xa posuía dúas locomotoras e nese momento na cidade de Santiago existía media ducia de máquinas traballando. Poucos anos máis tarde únese ao negocio familiar o seu fillo, Manuel Prieto que, a día de hoxe, continúa co oficio acompañado pola súa muller Ofelia Asorey. Manuel na Porta Faxeira, onde comezou, e Ofelia, no inicio do Cantón do Toural. As locomotoras son outras xa adaptadas e cun pequeno motor que axuda ao seu traslado diario. 


“Con las castañas asadas va muy bien el vino del ribeiro. Otra cosa que va muy bien tras el ‘magosto’ es el caldo de grelos. Todo esto nos hace recordar la aldea. Nuestra aldea. Nos hace recordar nuestra niñez. Cuando hacíamos ‘magostos’, cuando íbamos de madrugada, en busca de las castañas a los sotos cercanos”, aconsellaba, reflexionaba, propuña Nestor prieto, nunha entrevista publicada no número 13717  do xornal La Noche, o 25 outubro de 1965. E sintetizaba, así, magnificamente o sentido deste escrito.

Helena Noriega Morrondo