O Museo do Pobo Galego recibe a doazón do legado de Faustino Santalices

O Museo do Pobo Galego recibe a doazón do legado de Faustino Santalices
Imaxe
Fondo Faustino Santalices

Santiago de Compostela, 17 de xullo de 2025.- Desde hoxe, o legado de Faustino Santalices como músico, artesán, divulgador e investigador do patrimonio musical galego forma xa parte dos fondos do Museo do Pobo Galego. Así se oficializou no acto formal celebrado esta tarde no xardín do Claustro, coa presenza das súas netas, Rosa María Santalices Jiménez e María Isabel Santalices Jiménez, artífices da doazón, así como de numerosos familiares de Santalices. No acto participaron tamén o conselleiro de Cultura, José López Campos; a alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín; o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira; e un gran número de integrantes de diversas institucións, entidades e asociacións galegas, amais dunha numerosa representación do Padroado do Museo do Pobo Galego e do conxunto de persoas socias.  

O fondo, conservado e acrecentado até agora polo fillo de Faustino Santalices, o médico Faustino Santalices Muñiz, constitúe unha colección singular de gran valor etnográfico, histórico e artístico para a cultura galega. Inclúe o seu obradoiro de traballo, ferramentas, zanfonas, gaitas, fotografías, diplomas, cadros, partituras musicais e numerosa documentación. A incorporación de todo este material aos fondos do Museo de todas e todos os galegos é “un tesouro”, un patrimonio material pero tamén inmaterial que “pasa a estar para sempre a dispor das xentes de Galicia, a quen pertence, e vai formar parte da vida dos galegos e galegas do futuro, como unha herdanza que serve para vivir”, segundo manifestaba, no nome do Padroado do Museo do Pobo Galego, a vicepresidenta da institución, María Xosé Fernández Cerviño. 

“O traballo do noso avó converteuse nunha herencia familiar”, apuntaba Rosa María Santalices Jiménez, quen engadiu que depositalo no Museo do Pobo Galego é “un paso importante”. “Esta doazón non é unha despedida; é unha maneira de compartir, de poñer ao servizo de todos o traballo de toda unha vida”, engadía a neta de Faustino Santalices, quen tamén compartiu un desexo para o futuro: “esperamos que este material inspire a outros; que sirva para entender e seguir amando a música galega, as súas raíces e os seus son únicos, como o o da zanfona e da gaita, así como a alma que o noso avó e o noso pai puxeron en cada nota”. 

“Galicia constrúese sobre o legado do noso gran patrimonio material e inmaterial e unha parte importante, unha figura máis que destacada nese legado histórico é a de Faustino Santalices”, subliñaba na súa intervención o conselleiro de Cultura. José López Campos engadía que hoxe é “un día para estar agradecidos á familia Santalices pola súa inmensa xenerosidade” e que “non habería mellor sitio onde depositar este fondo que no Museo do Pobo Galego, un gran faro que alumea a cultura en Galicia”. 

Pola súa banda, a alcaldesa de Santiago de Compostela insistía na “débeda histórica” deste país con Faustino Santalices, “unha figura irrepetible no que significa de recuperación e de legado ás novas xeracións que se van achegar a un instrumento a través do seu maxisterio”. Goretti Sanmartín apuntaba tamén que “a súa memoria afonda nesa vontade do noso pobo de transmitir a tradición musical, de saber non só de onde vimos senón de que música estamos feitas” e que, por iso mesmo, “ningún sitio podía ser mellor” que o Museo do Pobo Galego para custodiar a súa herdanza. 

A música de Faustino Santalices reviviu esta tarde da man dos irmáns Cástor e Félix Castro Vicente e do zanfonista Luís Caruncho, que interpretaron varias das pezas do artista e divulgador ourensán, considerado o investigador máis importante de zanfona na primeira metade do século XX. Un home, en palabras de Cástor Castro, que “dedicou a súa vida a mellorar a construción da gaita e difundir a zanfona e rescatala do esquecemento e a ensinar todo o que sabía a quen o quixera escoitar”.

Faustino Santalices Pérez (Bande, Baixa Limia, 1877 - Madrid 1960) foi pioneiro na recuperación, estudo e posta en valor do patrimonio musical galego e dos instrumentos tradicionais. Licenciado en Dereito na Universidade de Santiago de Compostela, exerceu como secretario do Goberno Civil de Ourense. En 1922 empezou a colaborar como gaiteiro no coro ourensán “De Ruada” e máis tarde colaborou co coro “Os Enxebres”. Trasladado primeiro a Barcelona e logo a Madrid, onde colaborou coa agrupación artística “Rosalía de Castro” e gravou un disco completo, “Gravaciones históricas de zanfona”, amais de escribir o primeiro libro español sobre este instrumento, “La zanfona” (1956). Colaborou tamén en diversos periódicos e revistas e, co apoio da Deputación de Lugo, fundou nesa cidade un Obradoiro-Escola de Instrumentos Galegos en 1951. Gravou tamén catro discos que refundiu despois nun único traballo chamado “Faustino Santalices”.