O Museo do Pobo Galego presenta unha guía con pictogramas da Sala do Mar

O Museo do Pobo Galego presenta unha guía con pictogramas da Sala do Mar
Imaxe
Presentación guía pictogramas

Santiago de Compostela, 23 de outubro de 2025.- O Museo do Pobo Galego presentou hoxe a súa guía con pictogramas da Sala do Mar; un novo recurso de mediación cultural que ten como finalidade favorecer que as persoas con diferentes capacidades cognitivas, sensoriais ou lingüísticas que visiten este espazo poidan gozar da experiencia de maneira autónoma, favorecendo así a igualdade de acceso á cultura para todas e todos. 

No acto celebrado esta mañá participaron representantes das entidades implicadas na realización desta guía: Lino Lema Bouzas, en representación do Padroado do Museo do Pobo Galego; Ignacio Labella, presidente de ASPANAES; e Raúl Crespo, director do Servizo de Atención Diurna Terapéutica de Santiago. Xunto a eles, as educadoras Carme Campo (Museo do Pobo Galego), Ana Nieves (SADT ASPANAES) e o divulgador Xosé Valtierra, integrantes do equipo que desenvolveu o proxecto. Asistiron ademais Begoña Abeijón Fernández, directora xeral de Persoas con Discapacidade da Xunta de Galicia; Mar García Vidal, responsable das áreas de Política Social, Educación e Mocidade da Deputación da Coruña; e María Rozas Pérez, concelleira de Dereitos e Servizos Sociais do Concello de Santiago de Compostela.

A guía, que pode consultarse en formato dixital na web do Museo, é parte do programa de inclusión que desenvolve o Departamento de Educación e Acción Cultural. Unha proposta sostida no tempo que promove o acceso ao patrimonio que o Museo alberga desde a diversidade, a participación e a coeducación, con accións que engadan valor ao patrimonio común, en liña tamén coa consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), especialmente os relativos a garantir unha educación de calidade, a redución das desigualdades e a consecución de cidades e comunidades sostibles.

Na presentación, desde ASPANAES, o seu presidente, Ignacio Labella, apuntaba o desexo de que esta guía sexa “a primeira acción de moitas deste estilo que se desenvolvan en adiante en Galicia”. Na mesma liña, Raúl Crespo, director do Servizo de Atención Diurna Terapéutica de Santiago, apuntaba a importancia desta iniciativa, tendo en conta especialmente “a dificultade para encontrar espazos de vida adulta relacionados coa cultura e o ocio adaptados cognitivamente, que ten que ver cunha certa infantilización presente na sociedade respecto de determinadas cognicións”. 

Ese mesmo desexo de que a acción impulsada polo Museo teña o seu reflexo noutras entidades, apuntouno tamén a deputada provincial, Mar García Vidal, porque –sinalou– “a verdadeira beleza da cultura está en poder compartila e que ninguén quede fóra”. 

A representante da Xunta, Begoña Abeijón Fernández, subliñaba tamén esa importancia de que “a accesibilidade vaia máis alá, e sexa tamén cognitva e sensorial para que a cultura sexa realmente inclusiva para todas e todos”. “Temos unha débeda histórica coas persoas con diversidade que cómpre poñer no centro da axenda pública e das nosas prioridades”, engadiu a representante municipal. María Rozas tamén agradeceu “a sensibilidade amosada polo Museo do Pobo Galego, tendo en conta que os lugares da cultura e do ocio acostuman ser os grandes esquecidos” en cuestión de accesibilidade”.

 

O traballo colectivo de elaboración da guía de pictogramas

A realización da guía xestouse a partir duns talleres que tiñan como obxectivo implementar estratexias de accesibilidade ás salas do Museo, contando co concurso e as experiencias de usuarios e usuarias. 

“Estes obradoiros permitíronnos testar de xeito práctico, divertido e didáctico os contidos que resultan máis significativos e o xeito óptimo de trasladalos posteriormente a á guía que hoxe presentamos e que foi previamente validada por persoas usuarias do SADT ASPANAES Santiago”, explicou Carme Campo, técnica do DEAC do Museo. 

En palabras de Ana Nieves, do SADT, “a guía cobra todo o seu sentido en combinación coas visitas e apoio dos profesionais do Museo e cos obradoiros”. Así, entre outras cuestións, permite anticipar contidos, propoñer un itinerario para a visita ou servir de apoio durante os talleres. 

Eses obradoiros son, segundo apuntaba na presentación o divulgador Xosé Valtierra, responsable do asesoramento didáctico da guía, o “punto forte da experiencia no que se achegan os contidos a través dos sentidos e da participación activa”. 

 

 

A realización da guía contou ademais coa colaboración de Fundación Down Compostela e a Asociación Dano Cerebral Santiago de Compostela (Sarela). Tamén, co apoio da Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e o Concello de Santiago. Con ela, o Museo do Pobo Galego dá un novo paso cara a “unha institución máis aberta, máis inclusiva e máis humana”. Apuntábao Lino Lema, do Padroado do Museo, quen fixo fincapé na importancia de normalizar a presenza activa da cidadanía na entidade, cun modelo de participación que pode servir de referencia para outras institucións.