O "Cóntame un conto" da Fundación Antonio Fraguas Fraguas celebra a súa festa de fin de curso
Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2024.- O Auditorio de Galicia acolleu esta mañá o acto de fin de curso da III edición do proxecto Cóntame un Conto, impulsado pola Fundación Antonio Fraguas Fraguas do Museo do Pobo Galego, que promove a actividade de contar contos tradicionais galegos entre a comunidade escolar.
Preto de 600 alumnos e alumnas de primaria e secundaria de sete centros escolares galegos, de entre o milleiro de escolares que participaron nesta terceira edición, desfrutaron dunha gala presentada pola contacontos María da Pontragha.
María da Pontragha, presentadora da gala Concha Losada, presidenta da Fundación Antonio Fraguas Fraguas
No acto, ademais da entrega de galardóns, houbo contos e tamén actuacións, coa música d@s Ghaiteir@s Ramalloseir@s do CEIP Plurilingüe da Ramallosa; a Danza de arcos interpretada por alumnado do CPR Plurilingüe La Salle e os contos con pictogramas contados por nenos e nenas do CEE de Vilagarcía de Arousa.
.
Nesta terceira edición, na que o proxecto educativo Cóntame un conto adheriuse ao Plan Proxecta+ da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, participaron un total de dez centros educativos: CEIP CARLOS CASARES, con alumnado de Educación Primaria; CEE DE VILAGARCÍA DE AROUSA, con alumnado de Educación Especial; IES AFONSO X O SABIO, con alumnado de 4º da ESO; IES RÍO CABE, con alumnado de 1º, 2º, 3º da ESO; CEIP PLURILINGÜE DA RAMALLOSA con alumnado de 3º e 4º de Educación Primaria; CEIP PLURILINGÜE SANTO ESTEVO DE PARGA, con alumnado de Educación Primaria; CPR PLURILINGÜE LA SALLE, con alumnado de 4º, 5º e 6º de Educación Primaria; CEIP PLURILINGÜE SAN MARCOS con alumnado de 4º e 5º de Educación Primaria; CEIP PADRE FEIJOO con alumnado de Educación Primaria e CPI PLURILINGÜE LAUREANO PRIETO con alumnado de Ensinanza Secundaria.
Durante o presente curso académico todas e todos eles recolleron, transcribiron, elaboraron fichas, leron, aprenderon e contaron contos nas súas aulas, e mesmo en moitos casos gravaron e editaron vídeos. O resultado do traballo pode verse na nosa web, onde tamén pode accederse a enlaces a contos tradicionais orixinais dos que alberga o Arquivo do Patrimonio Oral e da Identidade do Museo do Pobo Galego.