O Concello de Boiro, novo socio do Museo do Pobo Galego

Tipo nova
Socias e socios
O Concello de Boiro, novo socio do Museo do Pobo Galego
Imaxe
Boiro socio MPG

O Concello de Boiro é, dende hoxe, socio do Museo do Pobo Galego. Así o oficializaron está mañá o alcalde boirense, José Ramón Romero, e a concelleira de Cultura, María Outeiral, na xuntanza que mantiveron coa presidenta do Padroado do Museo, Concha Losada, e co director do mesmo, Manuel Vilar.

Boiro MPG

A visita institucional enmárcase nas actividades que están a organizar conxuntamente o Concello de Boiro e o Museo do Pobo Galego, con motivo do centenario do Seminario de Estudos Galegos. Dende hoxe e ata este venres 29 de setembro, están previstas visitas didácticas ao Museo do alumnado de 6° de Primaria dos centros escolares do municipio boirense. Este mércores tocoulle a vez ao CEIP Plurilingüe Praia Xardín e ao CEIP Escarabote. Ademais das explicacións do persoal do DEAC do Museo, o grupo de escolares puido desfrutar da actuación teatralizada da compañía Os Quinquilláns, quen repasou a historia do Seminario de Estudos Galegos, facendo especial fincapé na figura do seu fundador máis novo, o filólogo, político e escritor boirense Ramón Martínez López, quen xogou ademais un papel destacado na fundación do Museo do Pobo Galego.

Boiro MPG

   

 

No seu posterior percorrido polo Museo, o alumnado dos centros escolares de Boiro descubriu tamén o legado físico do SEG, a través das pezas que o Seminario de Estudos Galegos reunira outrora no seu proceso de colleita, estudio e exhibición de materias e datos da nosa cultura comunitaria, e que actualmente forman parte dos fondos do Museo. Pezas que conformarán o percorrido O futuro dun legado. O Museo de Galicia, que se inaugurará no mes de outubro, organizado polo propio Museo do Pobo Galego, en colaboración con Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e o Concello de Santiago de Compostela.