O Comandante Soutomaior

Tipo nova
Biblioteca e arquivos
O Comandante Soutomaior
Imaxe
firma

O pasado 7 de outubro, da man de Xurxo Martiz, ingresaron no Arquivo do Museo do Pobo Galego uns documentos relacionados con Comandante Soutomaior: unha carta náutica con indicacións manuscritas de Soutomaior sobre o secuestro do Santa María, o billete de embarque ao Santa María e o cartel dunha exposición de pintura do propio comandante.

Xunto a un lote de libros da autoría do doante relacionados coa emigración.

José Fernández Vázquez

«Comandante Soutomaior»

A Pobra do Caramiñal, 1904 - Venezuela, 1986

De pais «descoñecidos» sinalaba a partida de nacemento deste fillo de Galicia e máis tarde da Humanidade na súa loita continua por un mundo máis xusto. Reside coa súa nai, que o recoñece legalmente en 1919, e avoa ao carón da igrexa da Pobra. Alcumado na casa «O Noé», comeza a traballar dende moi novo como albanel até a súa incorporación á Armada no servizo militar obrigatorio, no tempo da ditadura de Primo de Rivera.

A revolución rusa inflúe no mozo e afíliase no Partido Socialista Obreiro Español. Permanece na Mariña unha vez rematado o seu servizo militar e comeza a súa actividade política contra a ditadura de Primo de Rivera, que o levará de desterro en desterro, primeiro a Bilbao e máis tarde, dous anos en África (1928).

Marcha da Armada e, xa no momento da proclamación da República, dedícase totalmente á actividade política. As eleccións municipais que rematan coa monarquía en 1931 dan a vitoria aos monárquicos na Pobra do Caramiñal. O comandante Soutomaior forza a situación ao non recoñecer os resultados aludindo a unha fraude nas eleccións e constitúe unha xunta municipal revolucionaria á espera da convocatoria dunhas novas eleccións por parte do gobernador civil, convocatoria que non se dará e que resultará no recoñecemento dos resultados por parte do Partido Socialista Obreiro Español e na marcha do comandante Soutomaior ao Partido Comunista de España en 1933, militancia que abandonará en 1948.

Os datos biográficos dende a proclamación da II República até o remate da guerra civil son confusos e faltos de rigor documental en moitas notas biográficas que pretenden facer do comandante Soutomaior o organizador da resistencia guerrilleira no Barbanza até chegar a un cargo político-diplomático na embaixada da República española en París.

O certo é que o comandante Soutomaior remata a guerra no exilio francés. Casa coa cidadá alemá Margaret Ackermann en Francia e ten dous fillos, Federico[i] e Heinz, na localidade costeira de Ville d'Eu. 

A súa muller traballa como intérprete na Kommandantur (cuartel xeneral)  no París ocupado polo exército alemán, mentres el é operario na fábrica de Renault. Durante o tempo de ocupación alemá os fillos son enviados á casa dos avós na Selva Negra e até o remate da guerra non volven vivir xuntos na capital francesa.

A decisión de emigrar a Venezuela en 1948 con toda a familia é unha decisión de carácter económico, malia que a presidencia de Rómulo Gallegos e a ruptura de relacións de Venezuela coa ditadura franquista fixo que fose un dos poucos países en que eran ben acollidos os republicanos.

A breve presidencia de Rómulo Gallegos, deposto tras 10 meses de goberno, sumiu Venezuela nunha sucesión de ditaduras militares nas que os exiliados republicanos eran vixiados constantemente polas súas ideas esquerdistas.

Venezuela volve a unha democracia imperfecta en 1958. Un sistema de partidos no cal foi sistematicamente anulado calquera protagonismo ou participación política da esquerda venezolana e no que a fraude electoral e o bipartidismo baleiro de ideoloxía presidía o país.

A revolución cubana foi unha luz de esperanza en Venezuela e tamén para o exilio republicano galego no país. Dende Cuba reorganízase a loita contra a ditadura franquista por medio de Alberto Bayo, que entra en contacto con Xosé Velo e o comandante Soutomaior en Caracas. A visión españolista de Bayo determina que tanto Velo como Soutomaior funden o Directorio Republicano Ibérico de Liberación (DRIL), cun ideario federal ibérico en que incluían Portugal nun futuro Estado Federal Ibérico.

Coa adhesión do exilio portugués antisalazarista, Humberto Delgado e Henrique Gãlvao, o DRIL secuestra o paquebote portugués Santa María (operación Dulcinea) en xaneiro de 1961, acción na que participa tamén o fillo de Soutomaior, Federico.

Esta primeira e derradeira acción do DRIL[ii] en terras americanas remata co asilo dos comandos no Brasil. Desavinzas sobre futuros obxectivos entre o propio comandante Soutomaior e Xosé Velo determinan a volta do primeiro a Venezuela, en xullo de 1961, coa súa identidade oficial: José Fernández Vázquez, e a marcha do seu fillo Federico a Checoslovaquia e Cuba para recibir adestramento guerrilleiro e continuar a loita contra os gobernos burgueses venezolanos.

Na década dos 60, o comandante Soutomaior participa activamente no adestramento militar e político das guerrillas venezolanas, como fixera Alberto Bayo en México cos guerrilleiros cubanos.  Adestra grupos da Frente Armada de Liberación Nacional, pertencente ao Movimiento de Izquierda Revolucionaria.

É detido polas autoridades venezolanas en 1963 e 1964 e marcha para La Habana a dar aulas na universidade. Alí é nomeado embaixador itinerante e membro da secretaría permanente da chamada Tricontinental, en 1967,  Organización de Solidaridad de los Pueblos de África, Asia y América Latina  (OSPAAL). Viaxa a Vietnam, Laos e Camboxa, países que mantiñan nese momento unha guerra antiimperialista contra Estados Unidos

De volta en Venezuela nos setenta, vive entre a cidade andina de Mérida e Caracas. Dedica os seus últimos anos a escribir. Edita[iii] no Estado español e en Venezuela a súa versión sobre o secuestro do Santa Maria. Pinta e escribe teatro, contos, ensaios políticos, memorias e novelas. Fai unha primeira e derradeira viaxe a Galicia en 1979 dende o seu exilio en 1937.  Escribe dous manifestos, Manifesto de Londres[iv], en que repasa a historia de Galicia, e declárase independentista.

O comandante Soutomaior morreu en Venezuela o 11 de febreiro de 1986.

 

 

Texto: Xurxo Martiz Crespo

 

[i] Luis Federico Fernández Ackermann. Participou co pai na acción armada do Santa Maria. Máis tarde sería membro da guerrilla venezolana Frente Armado de Liberación Nacional (FALN), con quen secuestraría o mercante Anzoátegui.

Detido nun campamento guerrilleiro, é condenado e, unha vez libre, dedícase á fotografía. Federico Fernández está considerado como un dos máis importantes fotógrafos de Venezuela e Latinoamérica. Foi Premio Nacional de Fotografía en Venezuela e a súa obra figura na máis importante escolma de fotografía latinoamericana da curadora suíza Erika Billeter. Morreu en Venezuela en febreiro de 2014.

[ii] No Estado español cometeran varias accións armadas, entre elas o atentado con bomba da estación de tren de Amara en Donostia, 1960, erradamente atribuído a ETA.

[iii] Editado en Venezuela con limiar de Xosé Sesto por Monte Ávila editores e no Estado español por Akal. Soutomaior fixo unha versión do secuestro moito máis lograda anos despois, 24 homes e máis nada, que transcribín e traducín para o galego.

[iv] A viaxe a Galicia fíxoa dende Londres, cidade na que vivía un dos fillos do seu primeiro matrimonio.