A MICE presenta a programación da súa vixésima edición
Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2025.- A Mostra Internacional de Cinema Etnográfico Museo do Pobo Galego celebra do 12 ao 16 de marzo o seu vinte aniversario con medio cento de proxeccións, actividades paralelas e programación para escolares. A MICE reunirá en Santiago de Compostela a cineastas, antropólogos e público xeral nunha cita que suma dúas décadas de compromiso coa divulgación cultural, coa creación de espazos de diálogo entre o cinema e a antropoloxía e coa promoción de novas miradas sobre a realidade social. Unha traxectoria avalada por case 800 cineastas e profesionais do cinema e ao redor de 20.000 persoas que levan participado da Mostra nestes vinte anos.
A presentación oficial da programación tivo lugar esta mañá no Museo, coa presenza da directora da MICE, Ana Estévez Lavandeira; a presidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego, Concha Losada; a autora da imaxe e da peza de autor da 20 MICE, Mirian Opazo; a concelleira responsable de Capital Cultural de Santiago de Compostela, Míriam Louzao Fernández; a deputada de Cultura da Coruña, Natividade González; e o director da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia, Jacobo Sutil.
Toda a información sobre a programación pode consultarse na web da MICE.