A IV edición do "Cóntame un Conto" entrega os seus galardóns
Santiago, 9 de xuño de 2025.- A Fundación Antonio Fraguas Fraguas do Museo do Pobo Galego entregou hoxe os premios da cuarta edición do proxecto Cóntame un Conto, que promove a actividade de contar contos tradicionais galegos entre o alumnado, difundindo o coñecemento da literatura popular galega de transmisión oral. Foi nun acto celebrado esta mañá no Teatro Principal de Santiago de Compostela, presentado pola educadora, antropóloga e narradora María da Pontragha, que contou coa participación de preto de 180 escolares do CEIP Manuel Luís Acuña de Ourense, o CEIP Ortigueira de Vedra, o CPI de Viaño Pequeno de Trazo e o CEIP Plurilingüe do Camiño Inglés de Oroso.

O alumnado recolleu os galardóns da man da vicepresidenta e do secretario da Fundación Antonio Fraguas, María Xosé Fernández Cerviño e Fuco Sanjiao Otero; o alcalde do Concello de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela López; e o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García Gómez, integrantes do Padroado da Fundación.
.
O representante da Xunta apuntaba a importancia de “seguir escoitando aos nosos maiores e aprendendo moito deles, para non esquecer nunca os contos tradicionais e para poder seguir reproducíndoos”. Pola súa banda, Jorge Cubela, “o alcalde da terra natal de Antonio Fraguas” animaba ás presentes a “seguir lendo e cultivando a nosa lingua, a nosa historia e a nosa identidade”. Unha importancia da continuidade e conservación deste patrimonio oral que constitúen os contos tradicionais na que fixo fincapé tamén a vicepresidenta do Padroado da Fundación, María Xosé Fernández Cerviño, “porque as nenas e nenos de hoxe en día son os creadores da próxima transmisión”.
No acto, ademais da entrega de galardóns, o alumnado participou coa lectura dos contos seleccionados por cada un dos centros e houbo tamén música, coa actuación da rapazada do CEIP Ortigueira, que interpretou unha selección de pezas tradicionais.
.
.
Ademais dos asistentes á gala desta mañá, nesta cuarta edición do proxecto participou tamén o CEIP Plurilingüe de Santo Estevo de Parga de Guitiriz, sumando un total de 200 nenos e nenas de educación infantil, primaria e secundaria pertencentes a cinco centros educativos do país que durante este curso académico recolleron, transcribiron, elaboraron fichas, leron, aprenderon e contaron contos nas súas aulas e gravaron e editaron vídeos. O resultado do traballo pode verse a través da páxina web do proxecto, onde pode accederse a unha colección colaborativa de contos, creada con fondos do Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade do Museo do Pobo Galego (APOI), con narracións de contadores de contos profesionais e contos dos nenos e nenas da comunidade escolar.