Itinerario ‘O futuro dun legado. O museo de Galicia’
Co gallo do cen aniversario da fundación do Seminario de Estudos Galegos (SEG), dende outubro e ata o mes de xaneiro pódese visitar a colección permanente do Museo a través do itinerario "O futuro dun legado. O museo de Galicia”. Unha intervención nas nosas salas que vos conducirá por diversas pezas procedentes daquelas coleccións que o Seminario tiña no seu Museo, incluíndo as maquetas de vivendas que hoxendía forman parte da sala de arquitectura do Museo do Pobo.
Cada peza, cada documento deste percorrido chega até nós contendo o espírito daquel proxecto truncado pola guerra e a ditadura. Son anacos da nosa Historia e tamén das historias de quen nos precedeu, testemuñas dos logros dunha sociedade e á vez, sementes da proxección desta no futuro.
Xunto ás pezas, encontraredes códigos QR cos que poderedes acceder a máis información sobre o vínculo do SEG e o Museo ou sobre datos etnográficos das pezas. Tamén atoparedes bibliografía, fotografías ou documentos audiovisuais que conteñen a voz de persoas ponte entre ambas institucións, o Museo e o Seminario.
O itinerario é un traballo conxunto de todos os departamentos do Museo do Pobo Galego, que pretende servir de homenaxe ao esforzo de homes e mulleres que traballaron a prol da existencia deste lugar referencial onde atopar unha parte significativa do noso patrimonio cultural.
‘O futuro dun legado. O museo de Galicia’ conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e o Concello de Santiago de Compostela.