Homenaxe a Castelao polo 75 aniversario da súa morte

Homenaxe a Castelao polo 75 aniversario da súa morte
Imaxe
Acto homenaxe 75 cabodano Castelao

Santiago de Compostela, a 7 de xaneiro de 2025.- O Panteón de Galegas e Galegos Ilustres, en San Domingos de Bonaval, foi o escenario este mediodía do acto cívico para conmemorar o 75 cabodano do falecemento de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, finado en Bos Aires o 7 de xaneiro de 1950. Unha celebración plural, diversa e multitudinaria, convocada pola Fundación Castelao, o Consello da Cultura Galega e o Museo do Pobo Galego, que contou coa participación da Xunta de Galicia, o Parlamento galego, a Deputación da Coruña e o Concello de Santiago, ademais de moitas outras entidades e institucións integradas na comisión para a conmemoración da efeméride, así como persoas que, a título individual, quixeron sumarse a esta homenaxe a unha figura que é patrimonio de toda Galicia. 

"Castelao convócanos sempre e únenos a todos", apuntaba na benvida ao acto o presidente da Fundación Castelao. Miguel Anxo Seixas Seoane, que interviu en representación das tres entidades convocantes, engadía que Castelao foi un "persoeiro polifacético que sempre tentou conectar co pobo. Sentiu a voz desas xentes, debuxou para elas, escribiu para elas e deulles dignidade ao trasladar á prensa os seus rostros e os seus pensamentos na serie de humor Cousas da vida". Motivos, entre outros, polos que –sinalou Seixas– "o pobo galego lle outorgou a súa máxima estima e escolleuno como un dos seus símbolos". Por iso cómpre celebrar a Castelao –engadiu– "porque é o home que nos fixo, que nos fai e que nos fará sempre mellores a todos".

Tras unha rolda de intervencións institucionais, realizouse unha ofrenda floral conxunta ante o sartego no que repousan os restos mortais de Castelao. Na comitiva, encabezada polo presidente da Fundación Castelao, Miguel Anxo Seixas, e as presidentas do Consello da Cultura Galega e o Padroado do Museo do Pobo Galego, Rosario Álvarez Blanco e Concha Losada Vázquez; participaron o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices Vieira; a alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín Rei; o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos; e o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso. Tamén, dúas persoas en representación da Asociación do Traxe Galego, encargadas de portar un ramo composto por doce rosas brancas, unha por cada mes deste Ano Castelao. 

A homenaxe, conducida pola poeta e patroa da Fundación Castelao Noelia Gómez, contou tamén coa música da soprano Beatriz Riobó Agulla, a frauta de Fernando Raña Barreiro e a arpa de Alba Barreiro Mariño. Amais do Himno Galego, interpretaron, en honor a Castelao, varias pezas populares, adaptadas polo compositor Juan Durán, así como unha das pezas preferidas do narrador, ensaísta, dramaturgo, debuxante, médico e político galego, a Foliada de Negreira. Tamén soou en San Domingos de Bonaval Lela, unha canción icónica da cultura galega, parte da obra de Castelao Os vellos non deben de namorarse. 

Ao final do acto fíxose entrega dun agasallo de Bonaval da Fundación Castelao ás persoas asistentes, que compartiron ademais e colación da sopa Cousas da vida, de Lucía Freitas.