Entregados os premios do XIII Proxecto Didáctico Antonio Fraguas Fraguas

Entregados os premios do XIII Proxecto Didáctico Antonio Fraguas Fraguas
Imaxe
Proxecto Didactico

 

Santiago de Compostela, a 3 de outubro de 2024.- A Fundación Antonio Fraguas Fraguas entregou este mediodía os premios da XIII Edición do Proxecto Didáctico. Representantes do CEIP Lamas de Abade (Santiago de Compostela), o CEIP Apóstolo Santiago (Santiago de Compostela) e o CEIP Pérez Viondi (A Estrada), na categoría de ensino primario polo proxecto Viva o entroido vivo! Lingua, festa e comunidade; e integrantes do IES Monte Castelo (Burela), na categoría de ensino secundario polo proxecto A sustentabilidade das artes de pesca a través do proceso de encascado de redes: o caso de Burela, recibiron o galardón de mans do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez; a presidenta da Fundación Antonio Fraguas Fraguas, Concha Losada Vázquez; o secretario da Fundación, Francisco J. Sanjiao Otero; e o coordinador do proxecto, Bieito Pérez Outeiriño, nun acto celebrado na Biblioteca Baltar do Museo. 

Trátase, en palabras de Concha Losada, dun "proxecto que supón unha riqueza para a Fundación e para o Museo do Pobo Galego, porque permite a oportunidade de traballar durante un ano enteiro cos centros educativos". Na mesma liña se manifestou o representante da Xunta, que definiu a iniciativa como "un proxecto que non para de darnos alegrías", que cada ano medra en difusión e participación e que "permite que os centros leven ese patrimonio cultural sempre con eles". 

O galardón está dotado con 7.000 euros por cada modalidade, dos que 4.000 se entregaron xa neste momento da concesión, para que os centros os empreguen na realización do proxecto. Será no comezo do curso académico 2025-2026 cando expoñan o resultado no Museo do Pobo Galego de Santiago de Compostela.

O Proxecto Didáctico Antonio Fraguas Fraguas (PDAFF), convocado pola Fundación Antonio Fraguas Fraguas en colaboración co Padroado do Museo do Pobo Galego, e que conta co patrocinio da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, pretende alentar entre a comunidade escolar a realización dun traballo sistemático orientado a impulsar o coñecemento dos máis diversos elementos da cultura galega. Continúase así o labor docente desenvolvido por Antonio Fraguas con moitas xeracións, dende os seus comezos na Estrada en 1933 ata a súa xubilación no Instituto Rosalía de Castro de Compostela en 1975, e co seu labor por e para Galicia ata o seu pasamento. 

No caso do proxecto Viva o entroido vivo! Lingua, festa e comunidade, o xurado valorou a incorporación de todos os centros escolares dos distintos niveis educativos da contorna e o traballo desenvolvido durante máis dunha década na representación das distintas manifestacións etnográficas e culturais do Entroido, así como a presenza das mulleres en actividades nas que até agora estaban infrarrepresentadas, como os altos, vivas e atranques. Tamén, que a incorporación de Entroidos doutras zonas de Galicia permitirá recoller as múltiples expresións das distintas manifestacións etnográficas e culturais que representa o Entroido, así como o feito de que a presenza no proxecto do CIFP de Imaxe e Son vaia permitir utilizar un tratamento innovador do antroido. 

Tamén por unanimidade, o xurado acordou outorgar o premio da modalidade de ensino secundario ao proxecto A sustentabilidade das artes de pesca a través do proceso de encascado de redes: o caso de Burela. valorando o traballo arredor dunha actividade e oficio hoxe desaparecido e destacando a importancia de conservar a súa memoria para o coñecemento das novas xeracións. Así mesmo, valorou a implicación social do proxecto na súa contorna, ao tempo que contribúe ao coñecemento e difusión da cultura do mar, así como a colaboración con entidades doutros territorios de Europa onde tamén se desenvolveu esta actividade.