Colaboración entre o Museo e o Proxecto Nós: doa a túa voz

Colaboración entre o Museo e o Proxecto Nós: doa a túa voz
Imaxe
doavoz

Desde o Museo do Pobo Galego facemos un chamamento para colaborar no Proxecto Nós na súa campaña Doa galego.

Cada vez é maior a presenza de aplicacións e asistentes virtuais que recoñecen a linguaxe natural e executan múltiples tarefas, e resulta esencial ensinarlles ás máquinas como falamos para garantir o futuro e mellorar a presenza do galego no mundo virtual.

O primeiro obxectivo é recoller o maior número de voces diferentes, coa maior diversidade posible de acentos e variantes dialectais, para que os sistemas de intelixencia artificial e tecnoloxía da linguaxe poidan incorporar o galego entre os idiomas dispoñibles.

Doando un pouco do noso tempo, contribuiremos á presenza do galego por mil primaveras máis nos contornos dixitais, e a que recursos de recoñecemento da fala, asistentes de voz, chat GPT, GPS, tradutores ou calquera outro aprendan tamén o noso idioma.

Podemos participar de forma sinxela nesta recollida de datos a través da plataforma Common Voice. Só hai que entrar na ligazón do proxecto doagalego.nos.gal cunha computadora, tableta ou teléfono con micrófono para gravar a nosa voz e, unha vez alí, ‘Doa a túa voz, preserva a túa lingua’. 

Podemos falar e doar a nosa voz, escoitar e validar as voces doadas, e/ou escribir frases curtas para incorporar no repertorio. O mínimo de frases a ler ou escoitar é de cinco, non precisamos máis dun par de minutos para facelo. E despois podemos gravar ou validar cantas veces queiramos outras cinco frases. Tamén podemos informar do noso perfil lingüístico, e mesmo rexistrarnos para obter unha conta de colaborador, se ben este non é un requisito imprescindible.

Os datos enviados serán anónimos, e permitirán elaborar recursos de acceso libre e gratuíto, a disposición de quen os queira usar para crear servizos e produtos para a comunidade de galegofalantes. 

A día de hoxe, xa se empregaron na elaboración de tres ferramentas: o primeiro tradutor neuronal multilingüe feito en Galicia, un recoñecedor de voz que converte fala en texto escrito, e unha aplicación de síntese de voz que le en galego.

Este é un proxecto de país, transversal e colaborativo no que xa participan entidades sociais, empresas, institucións e milleiros de persoas, implicadas, coma nós, na divulgación, defensa e promoción da lingua e da cultura galegas.

O Museo do Pobo Galego participa como institución, e queremos pedirche que, na medida das túas posibilidades, ti tamén colabores a título individual para fomentar a presenza da nosa lingua e asegurar os nosos dereitos lingüísticos neste ámbito.

Moitas grazas polo teu tempo.