"Cantareiras", a homenaxe do Museo do Pobo Galego ás transmisoras da poesía oral popular
Santiago de Compostela, 8 de abril de 2025.- Este venres, 11 de abril, o Museo do Pobo Galego inaugurará a exposición Cantareiras. Oralidade, creación, transmisión, producida co gallo da homenaxe das Letras Galegas 2025 ás creadoras e transmisoras da poesía popular oral. Trátase dunha mostra que recompila materiais sonoros, procedentes dos fondos do proxecto de recuperación, catalogación e dixitalización do Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade do Museo do Pobo Galego e o arquivo gráfico e documental, así como pezas pertencentes á colección do Museo ou cedidas por particulares para a ocasión, ademais de material audiovisual realizado expresamente para o proxecto. “Un traballo meticuloso que parte do coñecemento especializado e do labor de investigación desenvolvido polo equipo técnico do Museo para celebrar, difundir e dignificar este valiosísimo legado patrimonial. É tamén, unha oportunidade para visibilizar o papel non só das cantareiras homenaxeadas especificamente senón tamén de todas aquelas outras persoas, mulleres na súa meirande parte, cuxos nomes non trascenderon malia seren garantes da supervivencia dese legado durante todos estes anos”, como apuntaba a presidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego, Concha Losada, na presentación celebrada este mediodía.
A exposición, que poderá visitarse no claustro alto do Museo até o 28 de setembro, toma como fío condutor a cadea de transmisión da oralidade e a poesía oral, tanto nos modelos de transmisión directa de xeración en xeración, como nos mediados a través dos cancioneiros, desde as primeiras compilacións até a transición e a democracia, pasando polas recollas realizadas polo Seminario de Estudos Galegos e a compilación de músicas de tradición oral durante a ditadura. Un percorrido expositivo que achega tamén ao público a situación da poesía oral a día de hoxe.
Segundo explicou a técnica do APOI do Museo do Pobo Galego, Isabel Vigo, o traballo comezou coa investigación dos cancioneiros que forman parte dos fondos bibliográficos da institución, procedéndose ao “baleirado de todos os nomes de informantes e recompiladoras nomeadas neses arquivos”. Unha ollada con perspectiva de xénero que constata o determinante papel das mulleres na creación, preservación e difusión dese saber inmaterial, tal e como apuntaba xa no século XVIII o Padre Sarmiento, autor dunha das primeiras recollidas de poesía oral. Ademais dos fondos pertencentes á biblioteca do Museo, analizáronse os arquivos de Alan Lomax e das Misións Folclóricas do CSIC (1954-1960), por seren fontes de acceso público anteriores á creación do APOI do Museo do Pobo Galego. Toda esa información, sumada aos rexistros sonoros e documentais custodiados no arquivo sonoro da institución, foi o punto de partida do traballo expositivo. Un labor que se viu enriquecido coas pescudas realizadas en paralelo a partir dunha trintena de entrevistas a persoas vinculadas coa música de tradición oral galega e que derivaron na cesión temporal ao Museo de pezas e materiais sonoros, fotográficos e de vídeo, así como na realización dunha peza audiovisual de corte documental que fai parte da exposición.
Cantareiras. Oralidade, creación, transmisión é, en definitiva, un traballo de musealización dun patrimonio vivo que, como tal, precisa seguir sendo investigado. Son moitas as mulleres das que aínda continúa a haber pouca información, polo que sería interesante seguir xerando coñecemento en conxunto, tamén coa colaboración da sociedade, achegando calquera dato ou nome que poida resultar relevante para seguir sacando á luz o noso patrimonio”, concluíu a técnica do APOI.

Ese fío da transmisión que fía os contidos da mostra estará tamén moi presente no acto de inauguración, este venres, ás 19 horas. Aberto á cidadanía, contará coa intervención musical de Rosario e Carme das Marías, nai e filla, cantareiras de raíz e integrantes das pandeireteiras Raigañas.
A voltas co baile, vindeira cita no Museo
Alén da exposición Cantareiras, o Museo do Pobo Galego desenvolverá ao longo das vindeiras semanas un programa de actividades paralelas para poñer en valor o papel das portadoras e transmisoras da música popular, segundo debullou Carme Campo, técnica do DEAC do Museo.
Así, neste mes de abril, o sábado 26, terá lugar a décimo terceira edición de A voltas co baile. Co título Cantar para bailar, será unha xornada para explorar a relación entre estes elementos do noso patrimonio inmaterial e as dinámicas e vínculos que se xeran entre as persoas que tocan e bailan. Adelina Suárez, Lucinda Barcia, María López e Pilar Turnes, mestras cantareiras de Toutón (Mondariz), Ons (Bueu) e Transmonte (Ames) respectivamente, compartirán a súa experiencia sobre as particularidades, relacións e diferenzas entre os bailes de pandeireta nas súas localidades de orixe. A conversa estará introducida e guiada por Beatriz Busto, etnomusicóloga e autora do libro As pandereteiras de Mens, unhas das nomeadas na homenaxe colectiva do Día das Letras Galegas 2025.
Programación diversa para todos os públicos
As propostas culturais continuarán ao longo de toda a primavera e verán, con citas para todos os públicos e idades. As máis pequenas e pequenos da casa, en compaña das súas familias, serán as protagonistas da actividade Prende no colo, na tarde do 8 de maio no Museo. Trátase dun obradoiro a cargo do recompilador, músico e profesor de música e baile tradicional Luís Prego para aprender cantigas, cantos de berce, xogos e cancións infantís pensadas para iniciar as crianzas na linguaxe, no ritmo e na melodía.
A música ao vivo terá un protagonismo esencial con varias propostas destacadas. A primeira delas será o sábado, 14 de xuño, ás 12:30 horas, co concerto das Bouba, o grupo de pandeireteiras integrado por María, Carme e Uxía da Pontragha e Maca do Pinheiro, que traerán o seu traballo Termando os Marcos ao Xardín do Claustro. Xa no mes de xullo, o domingo 6, terá lugar a visita cantada pola colección permanente do Museo do Pobo Galego e con remate na exposición Cantareiras coas pandeireteiras Hadri e Jenni Felpete. O 13 de setembro, o xardín do claustro acollerá o concerto das pandeireteiras Raigañas de Cerqueda, un grupo integrado por Olaya García, Susana Suárez, Rosario Álvarez, Sofía Vila, Helena Fernández, Raquel Uxía Varela, Ana Abelenda, Andrea Souto, Carme Álvarez, Uxía Corral, Mar Suárez, Icía Varela e Sonia Reborido.
O 27 de setembro, o espectáculo audiovisual 586 cantos porá o broche final á programación do Museo do Pobo Galego para homenaxear as cantareiras. Xurdida ao abeiro da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico MICE Museo do Pobo e producido polo Museo, a proposta combina a montaxe audiovisual realizada por Laura Piñeiro e Fran Rodríguez Casal a partir do material recompilado por Dorothé Schubarth e Antón Santamarina e depositado no APOI, coa reinterpretación musical de oito deses cantos da man de Richi Casás, Fran Barcia, Tania Caamaño e Marina Vidal. Despois do seu paso pola 19 MICE, o Teatro Colón da Coruña, Malpica de Bergantiños, Ordes e Carballo, 586 cantos pechará agora ciclo no lugar no que xurdiu o proxecto.
Conversas ao redor dos arquivos
No listado de actividades, haberá tamén espazo para o coloquio, con varias citas programadas. O 7 de maio, o filólogo Antón Santamarina impartirá unha conferencia organizada pola Agrupación Cultural O Galo sobre o Cancioneiro Popular Galego, do que é coautor, en colaboración co Museo do Pobo Galego.
O 15 de maio, ás 19 horas, Faia Díaz compartirá coas persoas asistentes o proceso creativo do seu novo traballo discográfico a partir do arquivo, nunha conversa titulada Alvela. Do arquivo ao disco.
Ademais, coincidindo co propio Día das Letras Galegas, como depositario de importantes fondos patrimoniais sobre as creadoras e transmisoras da poesía popular oral, o Museo do Pobo Galego acollerá a gravación do programa de radio La riproposta de RNE.
As cantareiras, protagonistas da didáctica e a acción sociocomunitaria
Durante todo este curso escolar, continúa tamén a programación didáctica do Museo do Pobo Galego destinada aos centros de ensino centrada na poesía popular oral e nos usos e evolucións do folclore galego. Desde setembro de 2024 e até finais de curso, preto de 200 grupos escolares dos ciclos de infantil, primaria, secundaria, bacharelato e ciclos formativos están a participar en xogos cantados, actividades de descuberta mediante a escoita do arquivo oral, dinámicas relacionadas co labor de recompilación e recolla do patrimonio inmaterial ou paseos sonoros pola colección permanente.
O programa didáctico inclúe tamén a realización de obradoiros fóra das aulas. É o caso de Has de cantar, unha proposta para coñecer os códigos de creación da poesía oral, conducida por Carme Iglesias, pedadoga e pandeireteira, que contou coa participación da rapazada do Club Mozo do Centro Sociocultural de Conxo.
Por último, nos últimos meses están a realizarse itinerarios sonoros pola exposición permanente dirixidos e adaptados a persoas usuarias da ONCE, con visitas virtuais e presenciais.
Toda a programación de actividades impulsada polo Museo do Pobo Galego ao redor das cantareiras e a poesía oral conta co apoio do Concello de Santiago, a Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia.