Andaina Santiago-Ortoño no centenario do SEG

Andaina Santiago-Ortoño no centenario do SEG
Imaxe
Andaina a Ortoño 12 de outubro

O 12 de outubro 1923 un grupo de ilustres estudantes da Universidade de Santiago (Fermín Bouza-Brey, Xosé F. Filgueira Valverde, Xosé Pena e Pena, Wenceslao Requejo Bouet, Lois Tobío e Alberto Vidán Freiría) camiñaron xuntos dende Compostela ata a casa na que pasou a súa nenez Rosalía de Castro en Ortoño (Ames). Alí concibiron a idea de constituír un grupo dedicado á investigación da cultura galega. A eles sumáronse Xulián Magariños Negreira, Ramón Martínez López e Francisco Romero Lema para asinar a constitución do Seminario de Estudos Galegos (SEG) baixo a presidencia do profesor Armando Cotarelo Valledor. 

Agora, cen anos despois, queremos repetir aquel percorrido cun acto festivo aberto á cidadanía. O xoves, 12 de outubro, ás 9:00 sairemos do Paseo Central da Alameda de Santiago para camiñar ata Ortoño. O percorrido ten unha lonxitude de 12 km, con dificultade técnica baixa. O tempo estimado é de 3,5 horas, a ritmo de marcha cómoda, facendo algunha parada breve nos puntos de interese patrimonial e paisaxístico. Recoméndase roupa e calzado cómodos para camiñar. ´

Sobre as 12:30 horas faremos unha ofrenda floral fronte á Casa de Rosalía, que dará paso ás 13 horas a un acto institucional no campo da festa de Ortoño. A partir das 13:30 horas haberá romaría con xantar e música para todas as persoas que queiran participar, tanto aquelas que fixesen o percorrido dende Santiago como aqueloutras que non o realizasen pero queiran sumarse a esta celebración do centenario do Seminario de Estudos Galegos. Para o regreso a Compostela habilitarase un servizo de transporte público.

A inscrición para a andaina pode facerse aquí. Os billetes para o xantar deben reservarse antes do martes, 10 de outubro, ás 14:00 horas, nesta ligazón

A andaina, un dos actos centrais para conmemorar o centenario do SEG, está organizada polo Consello da Cultura Galega, a Real Academia e o Museo do Pobo Galego. Conta coa colaboración do Concello de Ames, o Concello de Santiago de Compostela, a Universidade de Santiago de Compostela e a Xunta de Galicia, e coa Rede de Asociacións de Patrimonio como entidade adherida.