"586 cantos" no Teatro Colón para homenaxear as cantareiras e a poesía popular oral
Santiago de Compostela, a 23 de outubro de 2024.- 586 cantos, o espectáculo audiovisual con música en directo producido polo Museo do Pobo Galego que homenaxea as voces do Cancioneiro Popular Galego poderá verse no Teatro Colón da Coruña o 16 de novembro, ás 20 horas, como parte do Ciclo Músicas Posíbeis da Deputación da Coruña. A cita é de balde previa reserva de convite.
O espectáculo é unha idea orixinal da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico MICE Museo do Pobo para pór en valor o papel da poesía popular oral e das cantareiras, que protagonizarán o Día das Letras Galegas 2025, e para valorizar os arquivos que albergan o patrimonio inmaterial galego. Segundo explicou hoxe na presentación do ciclo a responsable do DEAC do Museo e directora da MICE, Ana Estévez Lavandeira, a peza toma como punto de partida o legado que Dorothé Schubarth doou ao Museo do Pobo Galego hai agora unha década, en setembro de 2014: gravacións sonoras, fotografías, transcricións de textos e partituras froito do traballo de campo levado a cabo entre os anos 1978 e 1984 pola etnomusicóloga coa colaboración de Antón Santamarina. Ese material, que serviu de base para os sete volumes do Cancioneiro Popular Galego, editado pola Fundación Barrié, compón a montaxe audiovisual realizada por Laura Piñeiro e Fran Rodríguez Casal, cineastas da Asociación Memoria e Cinema. Unha montaxe que se combina no espectáculo coa reinterpretación desas músicas tradicionais da man de Richi Casás, neto e sobriño neto de dúas das portadoras, Rosa e Adolfina Casás Rama, e que estará acompañado no directo de Fran Barcia, Tania Caamaño e Antía Ameixeiras.
Logo do éxito de público e crítica na estrea do espectáculo na 19ª MICE no Teatro Principal de Santiago de Compostela, en marzo de 2024, o Museo e a Deputación da Coruña pretenden agora continuar dándolle visibilidade a esta produción que homenaxea as mulleres que preservaron e transmitiron a poesía popular de xeración en xeración, así como a aquelas outras persoas que foron recollendo os cancioneiros populares por todo o país, contribuíndo a facer visible a riqueza dunha expresión artística infravalorada durante séculos. “É por iso que estamos moi agradecidas de poder traer 586 cantos a un sitio tan espectacular como é o Teatro Colón”, concluíu a representante do Museo do Pobo Galego na presentación esta mañá.
Ciclo Músicas Posíbeis
Os espectáculos Paréntese. Letras e Sons 2024, Sumrrá + Niño de Elche, e Dez anos con Chicharrón integran, xunto con 586 cantos o Ciclo Músicas Posíbeis da Deputación da Coruña que poderá verse no Teatro Colón da Coruña durante os meses de novembro e decembro. Trátase, como apuntou na presentación do mesmo a deputada Natividade González, de “catro propostas moi singulares” de “estilos e linguaxes diversos” e “coa calidade e o interese cultural por bandeira”.